Renato Núñez

“Isto é surrealista: xúlganme por defender que queimar a foto dunha persoa non pode ser delito”

O activista compostelán terá que declarar esta cuarta feira, 8 de marzo, acusado pola Audiencia Nacional dun suposto delito contra as institucións do Estado español. 

Renato Núñez recibiu o sábado, cando estaba na súa casa, a visita da Garda Civil para notificarlle que tiña unha citación da Audiencia Nacional. “Acusábaseme de un delito contras as institucións do Estado por pendurar no Facebook un vídeo no que queimaba a foto do monarca español”, explica este activista, impulsor da Plataforma polos Dereitos Civís. “Era un vídeo no que explicaba que iso, queimar unha foto, nun estado que se di moderno, non podía ser delito”, indica Renato Núñez. “Non queimaba a foto chamando a queimar a monarquía nin os Borbóns nin nada diso, só opinaba que ese acto non debería ser un delito”. Así pois, sinala, exercía o seu dereito á liberdade de expresión.

Esta cuarta feira declara en Compostela (“a AN debeu mandar un exhorto para que puidese declarar aquí e non ter que ir a Madrid”). Confía en que a causa se arquive, “pois isto ten que ser un erro”. Cualifica de “surrealista” o que está a vivir e non se lle escapa o contexto destes anos con leis e normas que supuxeron recortes de liberdades e dereitos. “Tentan criminalizar todo, amedrentar, converter simples opinións en delitos...”.

Embora a acusación, este activista non perde o bo xorne. “Estiven meditando se enviar un escrito a Felipe VI preguntándolle se lle parece razoábel que se gasten recursos públicos dos contribuíntes en perseguir persoas por queimar a súa fotografía”, comenta. Unha meditación que callou nunha iniciativa: Contra o dispendio económico para perseguir a liberdade de expresión