Audiencia Nacional imputa un compostelán por un delito contra as institucións do Estado a raíz dun vídeo

Renato Núñez subiu ás redes sociais un vídeo a prol da liberdade de expresión na que sinalaba que queimar as fotos do mornarca non debía ser considerado delito.

O activista compostelán polos dereitos civís Renato Núñez está chamado a declarar pola Audiencia Nacional o vindeiro 8 de marzo, acusado dun suposto delito contra as institucións do Estado español. Núñez, promotor da Plataforma polos Dereitos Civís, considera que a notificación da AN que vén de recibir ten que ser “un erro”. Explica que el o único que fixo foi subir un vídeo ás redes sociais nas que apuntaba que o acto gravado (a queima dunha imaxe do monarca) non debía ser considerado un delito.

“Este vídeo foi realizado no contexto das detencións de independentistas cataláns que queimaran retratos do monarca español durante a Diada, aos que se sumaron deputados e deputadas en solidariedade co fin de protexer o exercicio dos dereitos fundamentais e, entre eles, o da liberdade de expresión”, indican desde Dereitos Civís.

Renato Núñez considera un erro esta notificación de imputación pois, precisamente, afirma, o que expresou coa gravación e difusión do vídeo “é que ese feito non debe ser considerado delito, polo que non pode ser estimado como un ataque contra a Corona nin contra as Institucións”.