RICARDO LóPEZ BOULLóN, DIRECTOR MéDICO DA EOXI DA CORUñA

"Isto non é un parto, as necesidades son diferentes"

A dirección do Materno atribúe ao "efecto imprevisto" da medicación os abortos sen asistencia. 

Nunha entrevista concedida ao programa Hoy por Hoy da Cadena Ser o director médico da área sanitaria da Coruña asegurou que abriron un "proceso de información" após ter coñecemento do "caso concreto" que atinxe unha muller, Manuela, quen despois dunha omneocentese tivo que interromper o seu embarazo por mor dunha malformación incompatíbel coa vida do feto. 

Así as cousas, dixo López Boullón, que "estes procedementos", os abortos por indución a partir da 14ª semana de xestación no CHUAC teñen lugar con asistencia médica "garantida" embora "non sempre". 

A Dirección médica da área da Coruña asegura que "non sempre" os abortos de indución teñen lugar con asistencia médica

Respondeu así ás preguntas feitas pola xornalista Pepa Bueno ao fío das reclamacións da Plataforma galega polo dereito ao aborto e o Centro de Orientación Familiar (COF) da Coruña que en xullo de 2015 remitiron un escrito á súa dirección denunciando a práctica de interrupcións inducidas da gravidez sen asistencia sanitaria no Materno. Porén, estes dous colectivos non obtiveron resposta algunha até se mediatizar o conflito. 

Na Cadena Ser, López Boullón, negou que os abortos sen asistencia sexan habituais no CHUAC, onde se practican abortos fronte ao que acontece noutros complexos hospitalarios nos que profesionais da saúde se acollen á obxección de conciencia. 

Afirman que iniciarán un "proceso informativo" arredor dunha das denuncias públicas feitas estes días mais defende o "protocolo" do hospital

"É posíbel, non o podo negar", sinalou, que casos como o narrado por Sabela en Sermos Galiza acontecidos en Ferrol poidan producirse, como denunciaron xa outras mulleres, tamén no Materno. Porén, o director médico da EOXI da Coruña atrinúeos ao "efecto imprevisto" da medicación que provocaría, segundo o seu relato, o inicio do "expulsivo" [parto inducido] sen persoal hospitalario acompañando a muller. 

Neste senso, López Boullón, recoñeceu que son "enfermeiras" as que prestan atención ás mulleres que vén interrompida a súa gravidez na área de xinecoloxía. Embora insistir na súa "profesionalidade" e "coñecemento" a respeito das doenzas que atinxen as mulleres por se atoparen nesta área, os protocolos internacionais sinalan que teñen que ser matronas e xinecólogos os que presten esta asistencia. 

"Isto non é un parto", dixo López Boullón

Aliás, asegurou, como xa fixeran na xornada de onte fontes hospitalarias, que o ingreso destas mulleres en Xinecoloxía responde á súa "intimidade" en troca de seren levadas a Ostetricia, onde se atopan as salas de parto e as propias matronas. 

Ricardo López Boullón sinalou que "isto non é un parto", en referencia aos abortos farmacolóxicos polo que "as necesidades son diferentes".