“Isto non é normal”: indignación polas horas de espera en colas para unha PCR

Cola no CHUS (Foto: Arxina)

Miles de persoas fan cola para poder facer esta proba sen cita e gratuíta en varias áreas sanitarias.

“Non é normal”, “non poden ser estas cousas”, “que falta de planificación!”… Estas foron algunha das das expresión e comentarios das miles de persoas que estes días fan cola para poder realizar unha PCR gratuíta e sen cita nos puntos que pon o Sergas.

Un reclamo que provocou unha avalancha de persoas cara aos puntos. En sitios como o CHUS, en Compostela, houbo colas de horas e numerosas persoas, ademais, ficaron sen poden realizar a proba.

En Pontevedra, esta cuarta feira, a situación é moi parecida. “Levo desde as 10.10 horas da mañá facendo cola, van ser as dúas e aínda estou aquí. E acaban de decir que van fechar agora para volver abrir ás tres e media. Isto non pode ser”, confesaba indignada unha moza que agardaba pola súa quenda para facer o test contra a Covid.

“Levo desde as 10:10 da mañá facendo cola, van ser as dúas e aínda estou aquí. E acaban de decir que van fechar agora para volver abrir ás tres e media. Isto non pode ser”

Canda ela, centos de persoas facendo cola durante horas, entre a resignación e o enfado. Non só en Pontevedra, senón tamén noutras áreas sanitarias.

"Non sabes se a fileira vai avanzar a tempo ou non. Podes botar cinco horas agardando e que cheguen as 20 horas e quedar sen PCR", di un home, quen onte, en Pontevedra, viu como ás 20 horas fechaban o dous postos de probas após horas de espera. "É unha medida cosmética, se queren que funcione, que poñan medios, e non só dúas casetas para realizar as PCR e tres administrativas comprobando os datos da tarxeta sanitaria", engade.

Tamén en Vigo. Unha persoa afirmaba que levaba "case tres horas" facendo cola e que "isto non se move". Preguntábase como podía ser "que o Sergas non teña previsto que ía vir moita xente a facer PCR, estando como estamos ás portas de Noiteboa e Nadal". 

Estase a dar a "tormenta perfecta": as farmacias esgotaron os test de antíxenos, proximidade de datas de convivencia como noiteboa ou nadal e unha sexta vaga que vai cara ao seu pico de incidencia.

Sen necesidade de cita. Abonda con chegar e facer cola até que toque a quenda. A fórmula que se deseñou nun principio para a ponte do 6 de decembro o Sergas decidiu estendela até pasadas as festas do Nadal ante a grande afluencia e a expansión da variante ómicron.

Santiago ou Pontevedra, entre outras áreas sanitarias, son dous dos sitios onde nestas xornadas estanse a dar importantes colas e esperas para poder facer estas PCR. 

Segundo os datos publicados polo Ministerio de Sanidade (actualizados a 20 de decembro), a Incidencia Acumulada a 14 días en Galiza sitúase en 567,06 casos por 100.000 habitantes, mentres que a media no Estado está en 609,38 casos.