Feixoo aposta nas cabalgatas estáticas e debaterá sobre os cotillóns

Cabalgata entre Tui e Valença, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
As propostas do presidente da Xunta chegan nunha xornada na que veñen de demostrarse as deficiencias do sistema de PCR gratuítas impulsado polo Goberno galego. Mentres demanda "intensificar" a realización de probas para diagnosticar o coronavirus, as e os cidadáns -así como as e os profesionais da sanidade- están a constatar que o sistema está colapsado.

Un día despois de que Saúde Pública decidise descartar as corentenas para os contactos estreitos de infectadas pola variante Ómicrom do coronavirus que teñan a vacinación completa, e na mesma xornada en que se amosa que o sistema de realización de probas diagnósticas galego está colapsado mentres o presidente da Xunta demanda a "intensificación" destes exames, o mesmo Alberto Núñez Feixoo pon sobre a mesa a opción de que as cabalgatas de reis sexan estáticas na Galiza.

Desde o seu punto de vista, que trasladou após unha conferencia de presidentes dos distintos territorios que se reuniron con Pedro Sánchez, hai que estudar "a conveniencia" de que se celebren os cotillóns ou habituais festas de Fin de Ano. Ademais, as cabalgatas deberían estar paradas, destacou.

Estas propostas coñecidas nesta cuarta feira veñen a sumarse ás xerais xa avanzadas en horas anteriores, como a de recuperar a obrigatoriedade do uso da máscara en exteriores, deixando as zonas non urbanas á marxe desta excepción que inicialmente propuxo manter até finais de xaneiro.

Fontes da Xunta tamén trasladaron que Feixoo coincidiu no diagnóstico do Executivo do estado español: a presión asistencial avanza a menor ritmo coa cepa Ómicron do coronavirus pero existe unha gran velocidade de contaxio.

Ademais,comentou a súa "preocupación por que esta sexta onda chegue no peor momento do ano, dada a elevada interacción no Nadal". Así, ao tempo que as e os galegos agardan tempos moi elevados para facer as probas gratuítas do Sergas, o presidente da Xunta pediu reducir as interaccións sociais ao grupo familiar burbulla, ante o que dixo que era o momento de "máis risco" epidemiolóxico.

Exixe persoal pero non fala dos recortes do Sergas

Así as cousas, Feixoo remarcou a necesidade de aprobar unha lei de pandemias no Estado, da que se "carece case dous anos despois". Tamén exixiu "máis persoal" para a sanidade, é dicir, que se poidan incorporar máis graduados en medicina que non teñen formación especializada e lembrou que as comunidades --nas que está transferida a xestión sanitaria-- "necesitan desde hai anos a aprobación da especialidade de Urxencias e un  mir extraordinario" en Medicina de Familia.

No entanto, a este respecto obviou as múltiples denuncias que recibe a xestión do seu executivo desde a Atención Primaria e outras áreas polos recortes aos que foron sometidas nestes anos de Goberno popular.

De feito, esquecendo o colapso do sistema de realización de PCR gratuítas na Galiza, insistiu en que se deben "intensificar" as probas, especialmente nos aeroportos e estacións de ferrocarril.