Irascibilidade, tristeza, baixo rendemento académico, falta de apetito: Como saber se os teus fillos padecen bullying?
Esta cuarta feira comeza o curso escolar nos centros de ensino da Galiza, e con el regresa tamén o bullying ou acoso escolar, unha forma de maltrato que padecen unha de cada tres alumnas e alumnos na Galiza, segundo o último estudo realizado por Unicef, en 2023.
Para tratar de erradicar o acoso escolar, as diferentes Administracións públicas do país multiplican os seus esforzos, deseñando protocolos de actuación como o 'Plan integral contra o acoso e o ciberacoso escolar' promovido pola Consellaría de Educación e reforzando os equipos de profesionais centrados nesta materia.
Un deles é Miguel Calvo Marques, licenciado en Psicoloxía, orientador educativo e socio pioneiro da Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ da Galiza e que actualmente traballa no Equipo de Orientación Específico de Pontevedra, unha unidade de ámbito provincial que se dedica, en concreto, aos trastornos da conduta —polo xeral de alumnado violento ou con risco suicida— e que actúa "normalmente, cando aos propios centros lles resulta complicado xestionar a situación, ou ben coas familias, ou ben co profesorado", explica Calvo a Nós Diario.
Con respecto ao protocolo elaborado pola Consellaría de Educación e que entrou en vigor no curso pasado, considera que "está sendo positivo" por dúas razóns: "unha base teórica e conceptual que aumentou bastante o anterior protocolo contra o acoso e o ciberacoso" e "por sacarlle bastante burocracia, facilitando as actuacións a nivel reactivo, é dicir, cando xorde a posibilidade de que haxa acoso, dentro do propio centro".
Calvo destaca tamén a creación dos coñecidos como "puntos laranxas", destinados á prevención, nos cales de forma física e online o alumnado pode denunciar posíbeis situacións de acoso desde o anonimato.
Preguntado pola súa eficacia, tendo en conta que un número salientábel das persoas vítimas de bullying acostuma evitar facelo público por temor a represalias, Calvo engade que ese non é o único factor que fai que non denuncien, salientando a "vergoña" e os "problemas de autoestima", así como a idea de que "por moito que o digan, non van solucionar o problema, especialmente no caso do ciberacoso, que pode producirse 24 horas, sete días á semana, e de forma anónima, xerando unha indefensión aprehendida que evita a comunicación".
Comunicación familiar
Para evitalo, resulta "fundamental" a comunicación nas familias pois "se non existe, vai haber moitísimas máis dificultades". E, unha vez que se produce esa comunicación, recomenda "reaccionar con calma", pois do contrario "porá máis angustia e tensión sobre os ombreiros do rapaz ou rapaza" e sobre todo, "nunca culpabilizala, porque pode que xa teña esa sensación internamente".
De non producirse esa comunicación, as familias poden chegar a detectar que a súa filla ou fillo está padecendo bullying por exemplo "vendo que están máis irascíbeis, tristes ou introvertidas; que cando escoitan as notificacións do móbil se poñan nerviosos ou nerviosas; que deixen de saír da casa ou de facer actividades que lle gustaban; que baixen o seu rendemento académico, que non queiran comer, que durman mal... Unha serie de cousas que veñen no protocolo para que o profesorado tamén o poida detectar".
Neste sentido, o profesorado recibe boa parte das críticas das familias de vítimas de acoso escolar, por considerar que non fan o suficiente para evitalo ou por optar por pórse de perfil, mais Calvo sostén que na actualidade "a comunidade educativa está moito máis sensibilizada co tema", aínda que, recoñece, esa comunidade educativa é "moi ampla, e haberá de todo, profesores e profesoras que non lle dan tanta importancia ao benestar emocional, e outros e outras que están máis pendentes, especialmente as que son titoras ou titores de grupo, cando é algo que atinxe todo o profesorado, que debe estar atento ao que poida pasar, e sen minimizalo coa típica frase de 'son cousas de nenos', e non só a nivel reactivo, senón tamén a nivel preventivo".
Calvo non maquilla a realidade, afirma que "conflitos vai haber sempre", pero o que está na nosa man é a súa xestión, traballando en aspectos como "o uso correcto das redes sociais" ou a "empatía dixital", pois ao estar ao outro lado dunha pantalla o alumnado "esquece que hai unha persoa por non verlle as faccións, os xestos ou se está chorando", algo que hai que traballar "nas aulas e na casa".

