Investigar na Galiza: unha carreira de obstáculos

Investigadores do Instituto de Investigación en Análises Químicas e Biolóxicas da USC (Foto: Arxina).
Perto de corenta investigadores posdoutoris da Xunta rematan contrato a final de ano sen data de convocatoria para poder continuar a súa carreira científica. Abocados ao paro, o seu caso pon de manifesto as eivas do sistema galego.

As dificultades que atravesa o colectivo científico para continuar e consolidar unha carreira profesional na Galiza derivaron, a comezos de ano, na creación de InvestiGal, a Rede Galega pola Investigación. Este espazo unitario, integrado por persoal investigador de todo o territorio en diferentes etapas, busca articular unha resposta colectiva á precariedade laboral, á falta de investimento e á carencia de programas específicos capaces de atraer e estabilizar talento investigador no país.

Incerteza

Este é un dos seus principais cabalos de batalla, xa que a súa supervivencia como científicos e científicas, mais dos seus proxectos, depende do acceso a un programa de investigación que na Galiza "está mal deseñado", advirte Alejandra Lago, beneficiaria dun contrato posdoutoral da Xunta. "Non é estábel, non ten datas fixas nin está ben estruturado", explica a Nós Diario. Na práctica, engade, condena as investigadoras galegas á incerteza. 

O programa de investigación posdoutoral da Xunta non é estábel, non ten datas fixas nin está ben estruturado

Por segundo ano consecutivo, perto de 40 investigadores e investigadoras posdoutorais pertencentes ao programa I2C poden quedar sen contrato durante varios meses ante a "falta de previsión" da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade e da Axencia Galega de Innovación (GAIN), responsábeis da xestión destas contratacións.

O colectivo afectado censura a inacción da Adninistración galega tras a decisión de prorrogar os seus contratos até final de 2020 por mor da Covid-19 e non aproveitar ese tempo para axilizar a convocatoria das axudas posdoutorais correspondentes co fin de garantir tanto a continuidade da súa carreira investigadora como dos proxectos que teñen en marcha e que agora corren o risco de ver paralizados.

Podemos chegar ás portas do verán sen saber que vai ser dos nosos contratos. Sen traballo e sen a posibilidade de seguir sumando méritos

En 2019, a presión do colectivo científico logrou impedir o paro obrigatorio ao que a Xunta ía someter o persoal investigador en condicións de competir por pasar da Modalidade A do programa -despois de tres anos de posdoutoramento- á Modalidade B -dous anos máis-.

Así, o Goberno galego ordenou a formalización de contratos ponte até a resolución da convocatoria. A mesma que este ano volve adiar, sen garantir aínda unha data ás investigadoras nin ningunha solución de continuidade até a conclusión do proceso. "Podemos chegar ás portas do verán sen saber que vai ser dos nosos contratos. Sen traballo e sen a posibilidade de seguir sumando méritos para poder acceder á segunda fase do programa", argumenta Lago.

As investigadoras galegas posdoutorias advirten dunha inestabilidade crónica na Galiza que ameza con poñer en suspenso a súa carreira cada pouco tempo.  Por iso reclaman maior visión estréxica para dotar o sistema científico do país de financiamento e recursos humanos suficientes para favorecer alianzas competitivas con outras redes investigadoras.

Pacto pola investigación

A primeiros de novembro, InvestiGal compareceu no Parlamento no marco da comisión especial para a reactivación económica da Galiza. A súa presidenta, Elena Lendoiro, aproveitou a súa presenza na Cámara para instar a todas as forzas políticas a alcanzar "un pacto galego pola investigación" con "compromisos vinculantes" que transcendan as lexislaturas e as cores políticas.

Segundo dixo, a crise económica e sanitaria da Covid-19 puxo de manifesto o "desgaste" do tecido galego porque "non se inviste suficiente en I+D+i". Lendoiro laiouse do estancamento da Galiza na última década, sen ascensos notábeis nas achegas que o Goberno galego destina á ciencia e á investigación. En 2019, Galiza dedicou 0,97% do seu Produto Interior Bruto, fronte a 0,94% do ano anterior. A media do estado español situouse o ano pasado en 1,25% fronte a 1,24 de 2018.

A falta de contratación estábel que garanta a competencia en igualdade de condicións do sistema galego con outras estruturas de investigación é outra das chaves para este colectivo profesional que apunta como exemplos os modelos vasco e catalán, a través de Ikerbasque, a Fundación Vasca para Ciencia, e Icrea, a Institución Catalá de Investigación e Estudos Avanzados.

"Na Galiza carecemos dun programa integral e descoidamos os recursos humanos", salientou Elena Lendoiro durante a súa comparecencia no Parlamento, onde remarcou a precariedade elevada, a alta temporalidade e os salarios reducidos "próximos a 1.000 euros" que perciben moitas investigadoras, "persoal contratado, traballadoras, non estudantes", engadiu para censurar o erro de chamarlle "bolsas" aos programas de recursos humanos en investigación.

Fuga de cerebros

O desprezo, a falta de continuidade e de estruturas sólidas comprometen o futuro de moitos científicos e científicas que aspiran a afianzar unha carreira profesional na Galiza. Máis o panorama actual convida a procurar oportunidades fóra, alertan. É o que se coñece como fuga de cerebros ou fuga de talento, a emigración a outros territorios de persoas de alta cualificación, unha realidade á que decidiu achegarse, por primeira vez, un equipo de investigadores das universidades de Vigo e Santiago de Compostela.

Galiza é un territorio exportador de talento, conclúen. A emigración de capital humano representa unha perda anual de entre 178 e 311 millóns de euros, segundo reflicten no informe Fuga de talento na Galiza: mito ou realidade? Ese é o custo estimado da formación de talento cuxa produtividade acabará repercutino a nivel social e económica noutro contexto diferente ao galego.

Carreira de obstáculos

Despois de dous anos nos Países Baixos e no Reino Unido, David Ruano, está a punto de completar a primeira fase do programa de investigación da Xunta na facultade de Informática da Universidade de Vigo, no Campus de Ourense. "A diferenza doutras compañeiras, máis vinculadas ás ciencias experimentais ou da saúde, eu puiden continuar estes meses coas miñas investigacións desde a casa", aclara. 

[Podes ler a reportaxe completa no Nós Diario en papel, que podes atopar nos quioscos e puntos de venda habituais ou na loxa. Se aínda non es subscritora ou subscritor, podes sumarte aquí]