Familiares, amizades e veciñanza concéntranse para condenar o asasinato machista de Baiona

Concentración de familiares e amizades da muller asasinada en Baiona. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

A Xunta envía un equipo de psicológos ao IES Pedro Floriani de Redondela, onde traballa como profesor o presunto asasino, que se entregou á Policía Nacional esta segunda feira.

O Goberno español confirma o asasinato de Baiona como violencia de xénero, a vítima mortal machista 1.190 desde 2003 no conxunto do Estado.

Perto de 200 veciños, amizades e familiares da muller asasinada en Baiona, presuntamente pola súa ex parella, concentráronse ao mediodía desta segunda feira fronte á sede do Concello para expresar a súa repulsa por un crime que conmocionou todo o municipio. Durante uns 20 minutos manifestaron en silencio o seu rexeitamento ao asasinato de Beatriz L.G., nun acto do que tamén participaron membros do Goberno local, entre eles o alcalde, Carlos Gómez Prado.

A concentración finalizou cun prolongado aplauso, mentres os participantes berraban "Nunca máis!". O Concello de Baiona xa puxo as bandeiras do seu balcón a medio mastro e, á espera do informe oficial de Subdelegación do Goberno estatal que confirme que se trata dun crime de violencia machista, a previsión é, segundo explicou o rexedor, decretar tres días de loito oficial. De feito, no veciño municipio de Nigrán o Goberno local xa decretou tres días de loito, con bandeiras a medio mastro, e esta terza feira decorrerá ás 10 horas unha concentración de repulsa diante do Consistorio.

Na concentración de Baiona vivíronse momentos de emoción e moita tristura por parte de familiares da vítima, que lamentaron que lle arrebataran a vida a "unha muller tan boa", que "agora empezaba a vivir, coa súa casiña nova e os seus nenos", dos que obtivera a custodia. "Nin sequera lle tocaban os nenos a el, e ela, como era boa, deixoullos", sinalou unha familiar.

O rexedor de Baiona trasladou as súas condolencias aos achegados de Beatriz, e agradeceu que tanto a Subdelegación de Goberno como a Secretaría de Estado de Igualdade xa se puxo en contacto co Concello para porse ao dispor da administración e da familia da vítima. A comunidade educativa de Baiona, a través das redes sociais, tamén expresou a súa repulsa.

Por outra parte, a Xunta enviou un equipo de psicólogos do GIPCE (Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias) ao IES Pedro Floriani de Redondela, onde traballa o presunto autor do crime, Ángel R.D., como profesor.

Crime e detención

O crime produciuse pasadas as 21 horas deste domingo, na casa onde vivía a muller no Camiño do Rolán, no barrio de Percibilleira. Segundo explicou o alcalde, o home presentouse na vivenda para devolver aos seus fillos e, diante deles, atacou a súa ex parella, á que propinou un forte golpe na cabeza, causándolle a morte.

A continuación, o home deixou aos nenos cun familiar e marchou. O sospeitoso, profesor de instituto, foi detido na mañá desta segunda feira tras presentarse voluntariamente na comisaría da Policía Nacional de Ourense. Desde aí, está previsto o seu traslado á Comandancia da Garda Civil de Pontevedra desde onde, tras a realización de dilixencias policiais, será posto ao dispor do xulgado de garda de Vigo.

Aínda que no momento dos feitos estaba de garda o xulgado de instrución número 5, é previsíbel que este se inhiba en favor do Xulgado de Violencia sobre a Muller, ao investigarse os feitos como un crime de violencia machista.