Investigan unha aglomeración que derivou en avalancha nunha sala de festas de Lugo

A sala de concertos Tebras, en Lugo. (Foto: Europa Press)
As autoridades desaloxaron o local e numerosas persoas foron atendidas por ataques de ansiedade o pasado Fin de Ano.

A Policía Local de Lugo investiga nestes momentos unha aglomeración, na que tiveron que intervir os axentes xunto á Policía Nacional e o 061, durante a madrugada do 1 de xaneiro nun dos locais da cidade que albergaba unha celebración de Fin de Ano.

Os feitos ocorreron, en concreto, na Sala Tebras, situada na praza Viana do Castelo e habitualmente destinada a concertos, lugar que nunca albergara con anterioridade unha festa de Fin de Ano. En total, vendéronse 600 entradas.

O evento transcorreu con normalidade até a hora do fechamento, arredor das 6 horas, cando se formou unha avalancha nas escaleiras que levaban ao roupeiro, situado na planta superior. Ao tratarse dun corredor estreito, os mozos e mozas quedaron bloqueadas, sen poder nin subir nin baixar.

Os asistentes, ao non poder saír do local, chamaron ao 061, que tivo que atender numerosas persoas por ataques de ansiedade. Aliás, acudiron ao lugar unha decena de patrullas entre Policía Local e Nacional, que conseguiron desaloxar a sala sen feridos.

Segundo sinalou a organización nun comunicado nas redes sociais no que pediu tamén desculpas aos asistentes, o problema "radicou na xestión da cola cara ao roupeiro" á hora do fechamento, perto das 6 horas da madrugada deste domingo. Nesta liña, indicaron que os medios no roupeiro "non eran suficientes nin estaban ao nivel de soster tantas pezas, cando en teoría tiñan capacidade para 900".

Investigación en curso

O Concello de Lugo explicou a Europa Press que a Policía Local está a investigar o contrato do persoal de seguridade da discoteca, que foi alugada para facer esta festa. Os organizadores indicaron que a contratación do persoal é responsabilidade da propia sala.

Deste modo, botaron todas as culpas sobre o persoal de seguridade, que, dixeron, "demostrou pouca profesionalidade e falta de previsión" e "descoñecía a posibilidade deste caos". Aliás, polo de agora non se rexistrou ningunha denuncia por parte das persoas asistentes á festa.

Os axentes continúan esta segunda feira solicitando datos sobre o acontecido, así como sobre a xestión e os contratos da festa. Así, trasladaron que se espera que a investigación conclúa ao longo da semana.