Investigación

Polémica cos contratos predoutorais da Xunta: "Moitas investigadoras van quedar excluídas"

Persoal do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago. (Foto: USC)
AIC e Investigal emiten un comunicado conxunto no que acusan o Goberno galego de "ignorar" as demandas do colectivo e das tres universidades na convocatoria das axudas á etapa predoutoral, convocadas "con seis meses de atraso".

A Rede Galega pola Investigación (Investigal) e a Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC) veñen de denunciar, a través dun comunicado conxunto, que a Xunta da Galiza faga "caso omiso" ao colectivo investigador no que atinxe á obrigatoriedade de estar matriculado nun programa de doutoramento para poder solicitar as axudas á etapa predoutoral. Unha convocatoria que chega, salientan, "con seis meses de atraso".

Esta liña de axudas da Axencia Galega de Innovación (GAIN), explican, forman parte da arquitectura de contratos en réxime competitivo que tentan cubrir a carreira científica da Administración galega. Conforman a primeira etapa, cando unha persoa decide realizar unha tese de doutoramento. En anos anteriores estar matriculado nun programa de doutoramento nunha das tres universidades galegas —UVigo, UDC e USC— era obrigatorio para poder presentarse ás axudas. Logo de varias reunións e insistencias, porén, "a Xunta da Galiza decidiu eliminar este requisito que obriga as interesadas a matricularse antes de gozar dun contrato e, polo tanto, implica irremediabelmente a realización de tarefas investigadoras durante meses sen cobrar".

Esta quinta feira, día 20, a GAIN comunicou o lanzamento da convocatoria destas axudas en agosto, anunciando ademais a obrigatoriedade da matriculación nun programa de doutoramento no curso 2022-23 para poder presentarse ás axudas, "facendo caso omiso ás peticións de diversos colectivos", lamentan.

"De feito, o pasado mes de xuño, as tres universidades galegas xunto coa AIC e Investigal enviaron unha petición firmada á Secretaría Xeral de Universidades pedindo que non se exixira a matriculación no doutoramento", engaden, ao tempo que consideran que o atraso na publicación das axudas ao mes de agosto "fai esta situación aínda máis sangrante".

"Todas aquelas persoas que rematen un mestrado este xullo e, polo tanto, non poidan estar matriculadas nun programa de doutoramento no curso 2022-23, van quedar excluídas desta convocatoria, sen opción a presentarse até o ano que vén. Considerando ademais que para cando se resolva a actual convocatoria que acaban de anunciar, esas persoas excluídas de poder solicitala xa terían comezado os seus estudos de doutoramento, cuxo prazo de matrícula na universidade é en outubro", censura o persoal investigador.

Esta situación ten un impacto "directo e negativo" no comezo da carreira científica de moitas profesionais ao provocar que estas estean, na maioría das veces, din, "sen cobrar namentres fan tarefas de investigación". A obrigatoriedade da matriculación provoca directamente "unha exclusión de moitas das interesadas que, ao verse sen financiamiento, deciden non matricularse, moitas veces de forma forzosa por non ter os recursos económicos necesarios para manterse durante un curso sen un salario". Igualmente, subliñan no seu comunicado, "isto aumenta a incerteza de moitas persoas, que deberán agardar polo menos un ano máis para saber se gozarán destes contratos".

Tanto AIC como InvestiGal consideran "inaceptábel" esta medida, que ven como "unha decisión unilateral e contra as peticións de colectivos e universidades e que afecta directa e negativamente moitas persoas no comezo da súa carreira investigadora". Solicitan, polo tanto, "que se retire este requisito antes de que sexa publicada a actual convocatoria no DOG ou que, no seu defecto, se modifique antes da súa publicación por 'obrigatorio estar matriculado nun programa de doutoramento dunha universidade do SUG antes da sinatura do contrato'".