Tres investigados pola morte de 17 maiores nunha residencia do Barco de Valdeorras durante a pandemia

Xulgados do Barco de Valdeorras, nunha imaxe de arquivo. (Foto: MMasa)
Impútanse 17 delitos de homicidio por imprudencia e 59 delitos de lesións imprudentes.

O Xulgado de Instrución número 1 do Barco de Valdeorras mantén aberta unha investigación pola morte de 17 maiores nunha residencia desta localidade durante a pandemia, á espera de que agora Fiscalía decida se se continúa co procedemento ou se propiciará o seu sobresemento.

Así o informaron a Europa Press fontes do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), que explicaron que a titular deste xulgado abriu unha investigación tras a presentación dunha querela por parte do Ministerio Público, logo de que a Xunta notificase os feitos.

Na causa hai tres investigados por 17 delitos de homicidio por imprudencia e 59 delitos de lesións imprudentes. Trátase da Fundación Benéfica Nuestra Señora de Fátima —como persoa xurídica—, o seu representante legal e a directora do centro.

O xulgado estaba até o de agora á espera dun informe do Instituto de Medicina Legal (Imelga), solicitado máis dun ano atrás, precisaron as mesmas fontes consultadas.

O documento foi recibido a semana pasada polo que agora, engadiron, será traslado a Fiscalía "para que informe sobre se se debe continuar coa tramitación do procedemento ou se, pola contra, procede o seu sobresemento".

En abril de 2020, a Xunta tomou a decisión de intervir esta residencia ante o elevado número de positivos por coronavirus entre as persoas usuarias e traballadoras do centro e por incumprimento dos protocolos de prevención para evitar contaxios.

Un "bar de señoritas"

Nós Diario investigou en 2020 a Fundación Fátima, cuxas irregularidades acabaron por desembocar na situación actual. A mesma Xunta que agora abriu un expediente sancionador era coñecedora da situación, eludiu responsabilidades na última década e consentiu a continuidade dos seus xestores, xa que dez anos antes xa fora obxecto doutra intervención, xudicial, que destapou unha trama acusada de utilizar os xeriátricos con fins lucrativos.

Rodríguez Encinas dedicouse presuntamente ao sector do 'alterne' no Barco durante os anos 80 do século pasado, conforme puido saber Nós Diario a través de tres fontes veciñais e xornalísticas, actividade que aseguran era vox populi na vila e que continuou até os 90. O informe do administrador xudicial recolle que "rexentaba un bar de señoritas, o Shangai", situado na rúa Real, antes de dar o salto aos xeriátricos.