Nosa Señora de Fátima: Un "aparcadoiro de vellos" onde nin había termómetros dabondo

Residencia Nosa Señora de Fátima, Barco

O 90% de residentes contaxiouse e o 20% faleceu. A residencia do Barco foi unha das tres intervidas pola Xunta da Galiza durante a crise sanitaria. Dez anos antes xa fora obxecto doutra intervención, xudicial, que destapou unha trama acusada de utilizar os xeriátricos con fins lucrativos. Nós Diario investiga a Fundación Fátima, cuxas irregularidades acabaron por desembocar na situación actual. A mesma Xunta que agora abre un expediente sancionador, era coñecedora da situación, eludiu responsabilidades na última década e consentiu a continuidade dos seus xestores.

 

"Os investimentos son nulos e o concepto de xeriátrico imposto por Gerardo Rodríguez Encinas e fillos era o de 'aparcadoiro de anciáns até morrer'". Quen así escribe sabe ben como funcionaban os xeriátricos da Fundación Benéfica Nuestra Señora de Fátima, dous de Barcelona e un no Barco. Ao fin e ao cabo, el foi o administrador xudicial que comandou as residencias durante varios anos por orde do xuíz.

O informe final deste administrador non é o único sinal das supostas deficiencias. De feito, a Xunta acáballe de abrir expediente sancionador, segundo confirmaron fontes oficiais de Política Social a Nós Diario.

"A Xunta abriu no mes de xuño un expediente sancionador á residencia Nuestra Señora de Fátima, despois de que as últimas inspeccións detectasen deficiencias. Este expediente seguirá o curso legalmente previsto e poderá desembocar nas sancións que contempla a lei", indican desde o Goberno. Que se saiba, é a primeira vez que a Xunta planea multar unha residencia ao fío do coronavirus.

O expediente é deste xuño, pero: sabía a Consellaría das supostas deficiencias na residencia antes da pandemia? O documento é de 2010 e o administrador xudicial "entrevistouse coas autoridades da Galiza, onde lles explicou o que consta no seu informe de Perpetua Memoria", sinala o seu avogado Ramón Figuera.

Cuestionada sobre esa reunión, a Xunta non respondeu. A Consellaría tampouco facilita o informe polo que interveu o centro o pasado 11 de abril. Oficialmente, é un documento secreto, pese a que alguén llo filtrou a La Región.

Nel, a Xunta relata que, por non haber, non había nin xel hidroalcohólico facilmente dispoñíbel, estaba gardado nun despacho. "Non se dispoñía en todos os puntos de xel hidroalcohólico, estaba colocado dentro de caixas dun despacho", relata o documento citado no xornal local.

Usaban o mesmo material con contaxiadas e sas

Tampouco había suficientes pulsioxímetros, polo que tiñan que compartilos contaxiosos con non contaxiados, segundo o citado informe. Cando interveu, o Sergas tivo que comprar máis. Tamén tivo que comprar máis termómetros para non ter que compartilos entre varios doentes. Ademais, de acordo coa citada fonte, a fundación carecía de plan de continxencia e a formación dos traballadores sobre como usar máscaras e outros medios de protección era "escasa". Iso si, a fundación restrinxira xa as vistas, detivera ingresos e separara entre plantas residentes contaxiados, contactos próximos e negativos.

Cómpre tamén sinalar que o administrador reflectiu no seu informe que "a ventilación do edificio é insuficiente, en especial nos espazos centrais". Consultada a Xunta sobre este particular, a Consellaría respondeu que "a nivel arquitectónico e de persoal, a residencia cumpre cos requisitos". Política Social engade que agora mesmo non recibe ningunha subvención.

[Podes ler a reportaxe íntegra en Nós Diario, á venda o 7 de xullo de 2020 nos quiosques e tamén na loxa. Podes subscribirte a Nós Diario nesta ligazón]