Investigadoras de Vigo, Brasil e Ecuador descobren unha nova especie de libélula amazónica

Dous exemplares de 'Philogenia gaiae', durante unha cópula (Adolfo Cordero).
O responsábel do grupo Ecoloxía Evolutiva e da Conservación da Universidade de Vigo, Adolfo Cordero, participou no achado da Philogenia gaiae, que recibiu esta denominación en homenaxe á súa filla Gaia. 

A Philogenia gaiae, a especie de libélula que o profesor da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo e responsábel do grupo EcoEvo (Ecoloxía Evolutiva e da Conservación), Adolfo Cordero, descobreu nas selvas amazónicas xunto a investigadoras da Universidade de São Carlos brasileira e da Universidad San Francisco de Quito ecuatoriana, é tan rápida que a súa cor escura fai que resulte moi difícil distinguila entre a vexetación. 

Trátase dun cabaliño do demo negro "cunha franxa esbrancuxada no estremo final do abdome, que é o que máis se ve cando voan no ambiente escuro da selva", segundo explica Cordero, que apunta que estes insectos se caracterizan por "ser animais de voo rápido, bastante a ras do chan, e que prefiren esas zonas escuras, o que as fai difíciles de atopar e de seguir". 

As características desta especie, á que deron o nome de gaiae en homenaxe á filla de Adolfo Cordero, Gaia, están descritas nun artigo publicado na revista científica Zootaxa. Nel, tamén describen por primeira vez á femia da Philogenia macuma, outra das especies deste xénero endémico do Amazonas, da que só se coñecían os machos.

Os traballos de campo que deron lugar a esta descuberta foron realizados no ano 2012 na estación de biodiversidade Tiputini, no Ecuador, a carón do parque nacional Jasuni, "un dos espazos máis importantes no mundo no referido á conservación da biodiversidade", tal e como salienta o profesor da UVigo. 

Catalogar as diferenzas

No artigo, as investigadoras presentan as principais diferenzas desta nova especie de libélula a respecto do seu conxénere máis similar, a Philogenia minteriCordero detalla que se atopan fundamentalmente no cerco, "os apéndices anais dos machos, que empregan para agarrar á femia polo pescozo" durante a cópula.

Estes, sinala, "son normalmente moi distintos entre especies e moi parecidos entre os machos dunha mesma especie". Neste caso fixeron posíbel diferenciar dúas especies que, como sinalan no seu estudo, "poden confundirse facilmente no campo, pola súa similar coloración".

O traballo de campo realizado en Tiputini permitiu fotografar unha das poucas cópulas que até o día de hoxe se puideron rexistrar do xénero Philogenia. "Ese é outro dos misterios que temos por resolver, saber cando se aparean", recoñece Cordero, que indica á súa vez que non atoparon exemplares desta especies en zonas próximas a ríos ou arroios. "Cremos que só irían á zona do río á ovipositar, pero non puidemos atopar ningunha información sobre as larvas", engade.  

Philogenia macuma

O xénéro das Philogenia conta con 37 especies, divididas en seis grupos, que están presentes en diferentes países de América central e América do sur. Entre elas atópase tamén a Philogenia macuma, descrita por S. W. Dunkle en 1986, e da que as investigadoras Adolfo Cordero, Diogo Silva Vilela, Rhainer Guillermo Ferreira e Andrea C. Escalada describen por primeira vez unha femia neste artigo.

É a quinta femia de Philogenia descrita até o momento. Achárona no 2014 na estación biolóxica de Jatun Sacha, tamén no Ecuador. Cordero confirma que se trata dun xénero pouco estudado e do que "seguramente aínda hai algunha especie por descubrir".

De feito, segundo trasladan desde a UVigo, diferentes investigadoras, entre as que se atopan as integrantes do grupo EcoEvo, traballan na actualidade na análise da información molecular das Philogenia, que podería servir "para confirmar que este xénero é tan singular que constitúe unha familia de especies".