Un país sen cabaliños do demo

Exemplar de "Gomphus graslinii".
Son especies anfibias. Insectos de gran tamaño e de cores rechamantes que viven nas contornas dos ríos, charcas, lagoas, encoros e regatos. Os odonatos ou libélulas, coñecidas tamén como cabaliños do demo, son especies prexudicadas pola desaparición dos bosques de ribeira, a contaminación das augas e a introdución de flora e fauna alóctonas. Na Galiza viven de maneira estábel 52 especies. Tres figuran no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA), pero hai máis, non catalogadas, con poboacións moi miúdas tamén en perigo de extinción. Eis un extracto da información publicada ao respecto no número 365 do semanario en papel Sermos Galiza.

“Observalas é moi complicado”, apunta Martiño Cabana, membro do Grupo de Investigación en Bioloxía Evolutiva da Universidade da Coruña. Nesta unidade traballan con libélulas extremadamente escasas, entre elas, as únicas galegas catalogadas até o momento como especies ameazadas, recollidas, á súa vez, na Directiva Hábitats.

Dúas están en perigo de extinción, a Gomphus graslinii e a Macromia splendens. A primeira pódese ver en menos de dez lugares: en puntos das Rías Baixas, como as Gándaras de Budiño, no río Lérez e en zonas máis calorosas, como o río Sil. A Macromia splendens ten unha distribución similar pero máis ampla. Está presente nos ríos do interior das comarcas de Pontevedra e de Ourense, Avia, Arnoia e Vivei.

A Oxygastra curtisii figura como especie vulnerábel. Boa parte das poboacións ibéricas desta especie están na Galiza. Comparten ríos de grande amplitude e corrente lenta: Tambre, Ulla e Miño. “As tres viven na contorna dos ríos, aínda que non é o hábitat onde máis abundan os cabaliños. As pozas de gran tamaño, as lagoas e as zonas húmidas de augas quietas son espazos con maior diversidade”, explica Cabana.

E aí, fóra do medio fluvial, tamén hai especies fráxiles. A Brachytron pratense vive en lagoas costeiras e, de novo, a Galiza alberga máis da metade das poboacións peninsulares. “O recheo das lagoas e a contaminación poden afectar negativamente a esta especie moi reducida”, indica Cabana, que sinala outro grupo importante de libélulas escasas no país: a Aeshna juncea, a Sympetrum flaveolum e a Lestes sponsa, propias das zonas máis altas da montaña de Ourense e dos Ancares. “Están no extremo da súa área de distribución e poden chegar a sufrir o efecto do cambio climático. Un aumento das temperaturas pode producir a súa extinción”, engade.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 365 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]