Investigado un veciño de Boiro por "ameazar" cunha bomba unha empresa de videoxogos norteamericana

Sede da Interpol en Lyon, Francia. (Foto: Olivier Chassignole / Afp / Dpa via Europa Press)

O atraso na publicación dun videoxogo provocou "o enfado" do boirense

Un comentario "desafortunado" sobre unha empresa americana de videoxogos provocou unha investigación da Interpol a un veciño de Boiro (O Barbanza) até que se constatou que a súa manifestación sobre a mesma non constituía unha "ameaza real".

Así o informaron fontes próximas ao caso consultadas pola axencia Europa Press que precisaron que o mozo comentou que ía poñer unha bomba a unha empresa ao non presentar esta o videoxogo Hollow Knight: Silksong.

Fíxoo a través da plataforma Twitch, un servizo de transmisión en directo e interactivo para contido sobre xogos, lecer, deportes e música.

Aínda que transcendeu agora, os feitos tiveron lugar hai xa meses e iso deu lugar a unha investigación e a que tivese que comparecer ante a Garda Civil, extremo confirmado desde a Benemérita.

Con todo, tras a investigación concluíuse que todo fora un "comentario desafortunado e non unha ameaza real, co que quedou o caso nunha mera anécdota", apuntaron as fontes consultadas.