Investigadas 104 persoas en relación ao foco de COVID-19 na Barbanza, que se mantén con 9 positivos

(Europa Press)
As nove persoas con PCR positiva atópanse en illamento e seguimento domiciliario, mentres que as outras 95 investigadas permanecen en "corentena 14 días".

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) investigou  104 persoas relacionadas co foco de COVID-19 detectado a pasada fin de semana na comarca da Barbanza, que se mantén con nove positivos.

Así o ratificou esta terza feira o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, quen explicou que se realizaron 104 PCR, das cales 94 foron negativas e unha está pendente "de coñecer o resultado".

Campa indicou que as nove persoas con PCR positiva atópanse en illamento e seguimento domiciliario, mentres que as outras 95 investigadas permanecen en "corentena 14 días".

Preguntado se con estes dáse por controlado o foco, o xerente do Sergas destacou que deben seguir en "alerta" após ser investigado un "volume moi importante" de contactos dunha "forma rápida".

Así mesmo, incidiu en que o Sergas segue controlando "día a día" a situación das persoas que tiveron negativa a PCR, así como os pacientes con COVID detectados.

Por iso, puxo en valor o traballo da plataforma de vixilancia e control epidemiolóxica na Galiza, que detectou esta fin de semana pasada a aparición de nove casos positivos de coronavirus con posíbel orixe nun caso importado de Brasil que chegou a Galiza a principios de xuño.

En concreto, segundo informou o Sergas este domingo, os nove casos detectáronse nas localidades de Ribeira e A Pobra do Caramiñal. Por parte do Sergas apuntouse que a posíbel orixe destes contaxios "pode ser un caso importado desde Brasil que actuou como vector de contaxio sobre un familiar que deu o primeiro positivo".

Corentena

Así, desde que a pasada sexta feira detectouse o primeiro positivo do foco identificado a plataforma de vixilancia activou o seu protocolo de seguimento, no marco do que se realizaron PCR a todos os contactos estreitos deste. Detectáronse oito casos positivos en Ribeira e un na Pobra.

Segundo a información facilitada polo Sergas, os nove casos positivos, que pertencen ao círculo familiar e de amizade da familia en que se rexistrou o primeiro caso, presentaron "sintomatoloxía leve" e non necesitaron hospitalización, pero teñen a obrigación de permanecer en corentena durante 14 días.