As investigacións forenses reforzan a versión dunha presunta agresión sexual cometida por Santi Mina

Santi Mina, a súa saída dos xulgados de Almería. (Foto: Europa Press)
O médico forense explicou que a moza mostrou "rexeitamento ansioso á exploración xinecolóxica" que se lle practicou, e na que tamén se detectou a presenza de restos biolóxicos dos dous procesados.

Os médicos e psicólogos do Instituto de Medicina Lega (IML) de Almería, chamados a declarar nesta cuarta feira no marco do xuízo aos futbolistas Santi Mina e David Goldar, detallaron que as investigacións forenses reforzan a versión dunha presunta agresión sexual cometida polos dous mozos en 2017.

Segundo declararon os investigadores, as lesións "xenitais" que presentaba a agredida son "compatíbeis e verosímiles" coas producidas por unha agresión sexual, tal e como ela denuncia.

Asemade, corroboraron que a "sintomatoloxía" do trastorno de estrés postraumático que se lle diagnosticou á vítima "está directamente relacionada" cos feitos que relatou.

Neste sentido, unha das peritos chamadas a declarar, encargada de explorar psicoloxicamente a denunciante en 2019, afirmou que eses síntomas "non eran debidos a feitos anteriores ou a historias previas", senón que están vencelladas e "causadas" por un "abuso ou ataque sexual", en resposta ás preguntas da defensa do futbolista vigués. 

"Depresión grave"

A funcionaria do ILM engadiu que a "depresión grave" que lle foi diagnosticada á agredida non se corresponde cos altibaixos "normais" da vida, senón que os ciclos dos períodos de depresión, en "dentes de serra", é habitual nese tipo de estados mentais.

"Podes estar máis triste ou menos triste, pero iso non implica que non poida saír a rúa, manter relación coa xente ou forzarse a manter unha vida laboral ante a necesidade de ingresos", engadiu, após a defensa dese a entender que a conduta da rapaza nos meses posteriores foi de normalidade

A postura da defensa

Precisamente, os avogados defensores do futbolista do Real Club Celta de Vigo centraron a súa intervención en facer preguntas ao detective privado que contrataron para analizar o día a día da agredida.

Segundo recolle o xornalista  da Cadena Ser Javier Pajarón nas súas redes sociais, os letrados preguntaron a este investigador privado se a moza levaba "unha vida social normal", ao que respondeu que "ía ao cine e á praia. tomaba copas"... 

Tamén cuestionaron o xeito de vestir da demandante, da que preguntaron se empregaba "saias e roupa axustada". Por resposta, o detective privado afirmou que "é habitual nela".

Catro lesións externas e unha xenital

No xuízo tamén comprareceu o médico forense que examinou a agredida un día despois de que presuntamente sucederan os feitos, o 17 de xuño de 2017.

Na exploración, o forense contabilizou catro lesións "extraxenitais", correspondentes a "equimosis ou moratóns", producidos por golpes ou un forcexeo, e unha lesión "xenital". Tamén segundo o perito, todas elas correspondían co relato da agresión que detallara a vítima.

Ademais, na súa declaración, o médico forense explicou que a moza mostrou "rexeitamento ansioso á exploración xinecolóxica" que se lle practicou, e na que tamén se detectou a presenza de restos biolóxicos dos dous procesados.