Unha investigación alerta sobre a especie de eucalipto máis común na Galiza "xera auténticos desertos'"

Eucaliptos na Galiza (Foto: Xunta)

Investigadores de EUA, Chile, Australia ou Portugal participaron no estudo publicado na revista ‘Global  Ecology  and  Biogeography’ e que se centra no ‘'Eucalyptus  globulus', moi presente na Galiza.

O estudo internacional conclúe que "os eucaliptais xeran auténticos 'desertos' na súa contorna, provocando unha dramática redución da biodiversidade do territorio", afirma a Universidade de Coímbra ( UC), nunha nota enviada hoxe á axencia Lusa.

Daniel  Montesinos, do Centro de Ecoloxía  Funcional da Facultade de Ciencias e Tecnoloxía da Universidade de Coímbra ( FCTUC) é un dos participantes na investigación, na que tamén tomaron parte  estudosos da Australia, Chile, dos EUA e da India.

Os especialistas avaliaron a biodiversidade vexetal presente en  eucaliptais da especie 'Eucalyptus  globulus', tanto na súa área nativa -Australia-, como en países de todo o mundo onde a especie foi "introducida de forma industrial, incluíndo Portugal". Na Galiza, esta especie representa máis de 90% do eucalipto que hai no noso territorio.

Na Galiza, esta especie representa máis de 90% do eucalipto que hai no noso territorio.

"As sustancias químicas presentes nas follas dos eucaliptos impiden o crecemento das raíces doutras especies nativas, motivo polo cal os  eucaliptais conteñen moi pouca biodiversidade fóra da súa área nativa, na Australia", explica Daniel  Montesinos, citado pola Universidade de Coímbra.

O principal resultado deste traballo, salienta o investigador da  FCTUC, "foi mostrar, por primeira vez e á escala mundial, como a biodiversidade por debaixo dos eucaliptos é moito menor que fóra da súa área de influencia, e como extractos das follas de eucaliptos impiden o crecemento das raíces doutras especies de plantas".

A plantación de eucaliptos é "altamente prexudicial", alerta Daniel  Montesinos, subliñando que "o  empobrecimento de especies xerado polos eucaliptos ten impacto en todo o ecosistema, por exemplo, ao nivel do control da erosión dos solos ou do mantemento da biodiversidade".

A redución da biodiversidade non só acontece no país nativo (Australia), porque "numerosas especies conseguiron alí desenvolver unha tolerancia aos produtos químicos presentes nas follas dos eucaliptos ao longo dos séculos", explica a  UC.

Fóra da Australia, "ironicamente, algunhas das especies que de feito conseguen sobrevivir debaixo dos  eucaliptais son tamén especies  exóticas, creando un círculo  vicioso de reducida biodiversidade e especies  invasoras", refire Daniel  Montesinos.

"Os resultados do traballo mostran, xa sen calquera dúbida, o  empobrecemento das superficies plantadas con eucalipto, que mesmo que de lonxe poidan ter unha aparencia 'verde', son na realidade 'desertos'", conclúe o investigador.