Mulleres en Igualdade urxe concluír a investigación sobre as gravacións da Maruxaina

Chegada da Maruxaina á praia do Torno na edición da popular festa deste ano. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
"Independentemente de que se confíe na decisión da Xustiza, é esgotador todo isto", sinala o colectivo.

A asociación Mulleres en Igualdade de Burela, que participa como acusación particular no caso das gravacións ilegais de mulleres ouriñando durante as festas da Maruxaina de 2019, no municipio de Cervo, aprema o Xulgado de Viveiro a concluír a investigación sobre estes vídeos e a súa difusión, nalgún caso, en páxinas de contido erótico.

A presidenta da asociación, María del Mar Fraga, sentenciou que "xa vai sendo hora de que se saiba algo, de que se conclúa coa instrución e de que teñamos noticias de como está a investigación".

A activista lamentou que non saben "nada" do desenvolvemento desta instrución. Así, confesou que se atopan "decepcionadas", xa que, "independentemente de que se confíe na decisión da Xustiza, si que é certo que é esgotador todo isto".

As gravacións producíronse hai case catro anos, en agosto de 2019, e "aínda continúa o goteo de declaracións das vítimas", máis dun centenar, malia que Fraga advertiu que esta fase podería rematar "esta semana".

"Todos os días para a xente e pregunta sobre aquilo da Maruxaina e como quedou, e dano como se xa rematase o tema", expresou Fraga, en relación coa demora do procedemento xudicial.

A continuación, insistiu en que "siga activo o caso", á vez que apremou a que "o xuíz lle meta a maior présa á investigación" porque levan xa "moito tempo de espera".

Nun principio o Xulgado de Viveiro arquivara a causa, até que a Audiencia Provincial de Lugo obrigou o xuíz a seguir coa instrución, que aínda non finalizou no momento actual.