Unha investigación da USC asocia a exposición ao radon co cancro de pulmón

Persoal investigador da Universidade de Compostela acaba de detectar un aumento de risco de cancro de pulmón “asociado á exposición a radón residencial”. Así o publicaron membros do Laboratorio de Radón de Galiza liderados polo profesor Alberto Ruano no xornal científico Environmental Research.
 

Ningunha das persoas participantes na mostra -523 casos sometidos a 892 controis- nunca foron fumadoras. Proceden de hospitais galegos, asturianos, madrileños e de Castela e León. O tamaño da mostra “sitúao como un dos estudos máis importantes sobre radón en cancro de pulmón en nunca fumadores”. Os resultados ratifican o informe de 2009 da Organización Mundial da Saúde, segundo o que o radón “é o primeiro factor de risco de cancro de pulmón en nunca fumadores”.

Os investigadores e investigadoras da universidade compostelá concluíron que o radón pode producir cancro pulmonar a partir dos 200 bq/m3. Este nivel atópase por debaixo da directiva europea sobre radiacións ionizantes, que estabelece os 300 bq/m3 como referencia.

 

O cancro de pulmón en nunca fumadores representa entre o 15 e o 25% dos casos, pero a súa epidemioloxía “está pouco desenvolvida”. O estudio do Laboratorio de Radon de Galiza afirma que “existe unha relación directa entre concentración de radon e risco de cancro de pulmón”. “Mais é unha relación probabilística”, explica Ruano, “do mesmo xeito que non todos os fumadores desenvolven cancro de pulmón, non todas as persoas con radón elevado na casa o terán”.

 

Os datos recollidos na investogación indican, a maiores, que a exposición ao radon está asociada con “todos os tipos histolóxicos de cancro de pulmón, incluído o adenocarcinoma, o máis frecuente”.  

 

O radon é un elemento químico pertencente aos gases nobres. Ás veces está presente no solo sobre o que asentan as vivendas ou nos materiais de construción. Unha directiva europea de 2013 regúlao.