Guerra contra o plumacho: unha investigación da UDC deu cunha técnica contra a dispersión da planta

Plumachos na Laracha (Foto: Concello da Laracha).

Un equipo de investigación da Facultade de Ciencias coruñesa conseguiu, após varios anos de estudo, dar cunha técnica que controlaría a dispersión o plumacho ou herba da Pampa na Galiza. A Xunta anuncia que estaría disposta a poñela en práctica.

A investigación realizada polo equipo de Bioloxía da Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña (UDC) formado por Jaime Fagúndez e María Servia concluíu un método para acabar co plumacho ou herba da Pampa na Galiza.

Ambos responsábeis desenvolveron esta nova tecnoloxía que emprega un parasito que ataca a planta -concretamente, o insecto Spanolepsis selloanae-, e na que levaban varios anos traballando.

Cortaderia selloana, a planta invasora coñecida como herba da Pampa ou plumacho, procede de sudamérica e expándese na Galiza a través das autoestradas e demais canles de comunicación.

O seu asentamento é maior nos polígonos industriais e nas áreas periurbanas do país.

Técnica innovadora

Tal e como informa a Xunta, o equipo investigador mantivo unha reunión coa directora xeral de Patrimonio Natural do Goberno galego, Belén do Campo, coa intención de pór en práctica o seu método.

O sistema que empregan basease no animal que dana as sementes do plumacho, o que reduce tanto a produción como a dispersión desta especie que xera na Galiza un gran impacto ambiental e socioeconómico. Ademais, este remedio non emprega químicos.

Esta metodoloxía xa está patentada e, mesmo, contactaron cunha empresa do sector que validou a solución de control que propoñen co obxectivo de poder garantir a súa correcta aplicación e distribución.

Neste contexto, os investigadores ofrécense a colaborar coa Xunta para desenvolver novos produtos que poidan ter aplicación práctica en zonas onde estea presente esta planta.