A investigación realizada polo equipo de Bioloxía da Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña (UDC) formado por Jaime Fagúndez e María Servia concluíu un método para acabar co plumacho ou herba da Pampa na Galiza.
Ambos responsábeis desenvolveron esta nova tecnoloxía que emprega un parasito que ataca a planta -concretamente, o insecto Spanolepsis selloanae-, e na que levaban varios anos traballando.
A Cortaderia selloana, a planta invasora coñecida como herba da Pampa ou plumacho, procede de sudamérica e expándese na Galiza a través das autoestradas e demais canles de comunicación.
O seu asentamento é maior nos polígonos industriais e nas áreas periurbanas do país.
Técnica innovadora
Tal e como informa a Xunta, o equipo investigador mantivo unha reunión coa directora xeral de Patrimonio Natural do Goberno galego, Belén do Campo, coa intención de pór en práctica o seu método.
O sistema que empregan basease no animal que dana as sementes do plumacho, o que reduce tanto a produción como a dispersión desta especie que xera na Galiza un gran impacto ambiental e socioeconómico. Ademais, este remedio non emprega químicos.
Esta metodoloxía xa está patentada e, mesmo, contactaron cunha empresa do sector que validou a solución de control que propoñen co obxectivo de poder garantir a súa correcta aplicación e distribución.
Neste contexto, os investigadores ofrécense a colaborar coa Xunta para desenvolver novos produtos que poidan ter aplicación práctica en zonas onde estea presente esta planta.