A Xunta reduciu o investimento educativo na Galiza en 6,5% entre 2009 e 2018

Estudantado na última EBAU.
No ensino universitario a redución chega até 9,8%.

A Xunta da Galiza reduciu en 169 millóns o investimento educativo de 2009 a 2018, de 2.620 millóns de euros a 2.451 millóns. Isto supón unha redución de 6,5% en menos de dez anos.

Así o recolle un informe estatal da Federación de Ensinanza de Comisións Obreiras (FE-CCOO), no que tamén se destaca que o peso da educación no Produto Interior Bruto da Galiza pasou de 4,68% en 2009 a 3,93% en 2018.

As partidas destinadas ás ensinanzas de réxime xeral non universitarias foron reducidas en 4,9%. Aínda así, existen diferenzas notábeis entre as partidas destinadas a centro públicos, que o Goberno galego recortou en 6,7%, e as destinadas a concertos educativos e subvencións en esinanza de réxime xeral, que tiveron un incremento de 5,5%.

Esta redución tivo lugar a pesar de que o alumnado na Galiza aumentou en 9% no período de 10 anos estudado no informe. Isto supón que na Galiza hai 403.000 alumnas máis, 209.000 no ensino público e 89.889 en centros concertados.

Ensino universitario

En canto ao investimento educativo no ensino universitario, a redución é aínda maior, de 9,8%. Pola contra, a financiación privada nos orzamentos das universidades aumentou 28%.

Os datos de inversión da Xunta nas universidades entre 2009 e 2018 confirmarían as críticas dos reitorados das tres universidades públicas galegas, que afirman que o presidente Alberto Núñez Feixoo aboga pola privatización do ensino universitario.

No último ano, o Goberno galego acelerou os trámites parlamentarios para que Abanca poña en marcha a súa universidade privada, que comezará no curso 2022-2023, e que xa informou de que non inculirá o galego como lingua vehicular.