As fortes choivas colapsan Lugo e provocan inundacións no Hula

Toallas espalladas polo chan para tentar achicar a auga no Hula. (Foto: @papitolugo / Twitter)
Diferentes rúas foron cortadas e algúns edificios como a estación de autobuses ou mesmo o hospital acumularon no interior grandes cantidades de auga.

As intensas choivas que afectaron durante este domingo diferentes concellos do leste do país provocaron graves inundacións, especialmente, na cidade de Lugo, onde a acumulación de auga anegou baixos e outras edificacións como a estación de autobuses ou mesmo o Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA).

Varias persoas compartiron en redes sociais imaxes nas que se apreciaban os corredores tomados totalmente pola auga mentres o persoal sanitario tentaba achicala con fregonas, toallas, cubos e utensilios de todo tipo nas plantas e habitacións que se viron afectadas, como foi o caso da farmacia do hospital.

Algunhas das rúas principais da cidade amurallada, como a Avenida de Lugo ou a Rolda das Fontiñas, víronse tamén anegadas por completo, chegando a levantarse mesmo as tapas dos sumidoiros nalgúns puntos e provocando diferentes cortes. A choiva e a saraiba fixéronse sentir por toda a cidade nunha xornada marcada por esta climatoloxía adversa.

A Axencia Estatal de Meteoroloxía alertaba xa na tarde do domingo de que as precipitacións serían intensas e poderían producirse acumulados de até 30 mm nunha hora. A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta activaba a primeira hora a alerta laranxa por choivas no surleste do país e comarcas como a da Montaña.

Segundo a Aemet, o fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa comezou ao mediodía do domingo cunha precipitación acumulada nunha hora de até 30 mm. Tamén estiveron en alerta amarela zonas do interior, con precipitacións acumuladas nunha hora de 20 mm, así como outros puntos do interior e noroeste, Miño, sur e Valdeorras, onde se produciron precipitacións acumuladas nunha hora de 15 mm.