Unha intoxicación alimentaria afecta 35 maiores das residencias de Leiro e O Carballiño

Operarios desinfectan a fachada da residencia do Carballiño en outubro de 2020. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) trata de determinar a orixe da intoxicación, que mantén seis persoas ingresadas.

Unha posíbel intoxicación alimentaria afecta desde onte á tarde dúas residencias sociosanitarias das comarcas do Ribeiro e O Carballiño mais un comedor escolar deste último concello, segundo informan desde a área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras.

A detección deste foco nas residencias da terceira idade de Leiro e o Carballiño obrigou a posta en marcha dun un operativo de asistencia por parte da Xerencia, "valorando as necesidades ou reforzo de persoal dos Puntos de Atención Continuada do Carballiño e Ribadavia e mobilizando persoal e recursos para a atención nos propios centros sociosanitarios en apoio dos equipos sanitarios e persoal dos mesmos", de acordo coa idade e as condicións de saúde das persoas residentes, que poderían verse máis afectadas, sinalan.

Seis persoas ingresadas

A intoxicación afecta 35 usuarias das residencias, das cales sete precisaron atención no Servizo de Urxencias do Hospital Universitario de Ourense. Seis permanecen ingresadas. Ademais, outra ducia de residentes foron no PAC do Carballiño.

Porén, a maioría das persoas afectadas, con sintomatoloxía dixestiva, están a ser atendidas directamente nos seus centros e de forma ambulatoria

En coordinación cos servizos de Saúde Pública e Medicina Preventiva, a área sanitaria de Ourense está a facer un seguimento das pacientes para determinar a orixe e características da intoxicación.