A Deputación de Lugo chama a cambiar o modelo residencial dos maiores para loitar contra o "illamento"

Público das xornadas promovidas pola Deputación. (Foto: Deputación de Lugo)
A vicepresidenta, Maite Ferreiro, advirte de que as consecuencias da "mercantilización dos coidados" quedaron á vista coa pandemia. Así falou nunhas xornadas sobre alternativas de vivenda para as persoas maiores.

“Galiza ten unhas características demográficas e xeográficas especiais, cunha poboación envellecida e dispersa que leva as persoas maiores a padecer situacións de illamento social e soidade non desexada que temos que atender desde as administracións públicas con políticas sanitarias e sociais adaptadas”. Con estas claras palabras a vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, invitou á reflexión ás e aos participantes na xornada Alternativas residenciais para as persoas maiores: os coidados a pequena escala.

Nesta sesión promovida polo Movemento polo Dereito que decorreu nesta quinta feira no pazo de San Marcos, a representante da institución invitou a todas e todos a facer un esforzo polo cambio -liderado polos diferentes gobernos territoriais, iso si- dada a realidade da poboación galega máis maior, que quedou á luz co efecto da Covid-19 sobre as residencias.

Despois de coñecer como viven moitas persoas, e con casos cando menos preocupantes de actualidade, Ferreiro incidiu na "necesidade de repensar o modelo de coidados e atención ás persoas maiores". 

Ao seu parecer, a crise sanitaria amosou as negativas consecuencias dun sistema que apostaba (e aínda aposta) na "mercantilización dos coidados".

Integración no territorio

Fronte aos episodios acaecidos en moitos xeriátricos do país, puxo de exemplo a rede de centros que xestiona a Deputación, pois son "de pequeno tamaño" e están "integrados no territorio" de forma que evitan que as e os residentes teñan que vivir polo trauma dunha "ruptura total co seu entorno familiar e de amizades".

Tamén a traballadora social do servizo de benestar da institución provincial Estela Martínez Vilalba, que tomou a palabra destacou con especial interese ese valor da "proximidade" fronte a outras infraestruturas moi grandes e situadas en lugares afastados.

Así mesmo, no seu relatorio a experta comentou que ás e aos presentes que a valoración para o acceso aos centros se realiza a partir dunha visita ao domicilio no que se recolle in situ información sobre a situación da persoa demandante do servizo, "tendo en conta as condicións físicas pero tamén as características do seu entorno familiar ou social".