Interveñen 7,5 toneladas de cocaína en Vigo, a maior aprehensión na historia da Galiza

As once toneladas de cocaína incautadas en senllos operativos en Vigo e València. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)
A investigación continúa aberta, pero os especialistas da policía consideran que a incautación histórica de once toneladas de cocaína entre a Galiza e o País Valencià, que se suma a outras aprehensións este ano en Alxeciras (Cádiz), confirma o predominio das bandas do Cártel dos Balcáns, principalmente de orixe albanesa.

A intervención histórica de once toneladas de cocaína en contedores marítimos en dúas operacións en Vigo e Valencia confirmou para a Policía Nacional e a Axencia Tributaria o "mercado á alza" que supón o tráfico con estupefacientes de organizacións criminais de orixe albanesa que controlan a distribución en Europa desde países como Colombia e Ecuador.

Axentes da Policía e a Axencia Tributaria proporcionaron detalles esta terza feira das dúas últimas operacións que permitiron a detención de 20 persoas que integraban dúas organizacións lideradas por albaneses, con apoio doutros cidadáns do Estado español, Colombia e República Dominicana.

7,5 toneladas de cocaína

Na operación levada a cabo en Vigo interviñéronse 7,5 toneladas de cocaína oculta entre lombos de atún conxelado, tratándose da maior aprehensión levaba a cabo na Galiza. Para iso xogou un rol chave un empresario de orixe coruñesa que estaba baixo vixilancia desde 2019 e que pretendía encubrir a droga nun voluminoso fluxo de contedores por vía marítima.

A pesar de que varios contedores desta empresa foron xa inspeccionados con anterioridade en instalacións portuarias durante o ano 2023, a confianza da organización criminal no seu método de transporte e ocultación fixo que contaminasen un destes contedores cunha cantidade de droga xamais intervida en terras galegas e unha das máis importantes na historia do narcotráfico español e europeo.

O control sobre os envíos sospeitosos e o apoio da Fiscalía Especial Antidroga do Campo de Xibraltar permitiu solicitar a apertura de Dilixencias de Investigación co fin de poder determinar o destino final da droga. Desta maneira púidose comprobar que a organización trasladaba os contedores ao Porto de Alxeciras para posteriormente envialos até o porto de Vigo, lugar no que se puideron detectar dous deles, sendo un do que transportaba integramente a droga no seu interior, impedindo a descarga da cocaína. O estupefaciente atopábase marcado con catro logotipos diferentes cos que pretendían identificar ás diferentes organizacións criminais europeas que debían recibir o alixo.

No operativo en València, pola súa parte, incautouse 3,4 toneladas de cocaína ocultas neste caso en dobres fondos de contedores marítimos, que finxiron abandonar no porto valenciano. Durante case 30 días os contedores non foron movidos do Porto de Valencia e pasado ese período chegouse a pensar que os mesmos foran abandonados, aínda que era parte da estratexia da organización criminal, xa que a finais de novembro, de maneira repentina, cambiaron a empresa destinataria da mercadoría.

O seu administrador era unha persoa coñecida polos investigadores, xa que curiosamente días antes fora detido no marco doutra operación antidroga, séndolle imputados os delitos de tráfico de drogas e pertenza a organización criminal.

A investigación continúa aberta, pero os especialistas da policía consideran que a incautación histórica de once toneladas de cocaína, que se suma a outras aprehensións este ano en Alxeciras (Cádiz), confirma o predominio das bandas do Cártel dos Balcáns, principalmente de orixe albanesa.