As interrogantes do sinistro do 'Casón' continúan sen aclararse 35 anos despois

O buque 'Casón' embarrancado fronte ás costas de Fisterra (Foto: Juan Fuentes Canosa).
Van aló 35 anos desde que o buque 'Casón' comezase a arder fronte á costa de Fisterra. Porén, continúan as principais interrogantes sobre as causas do sinistro, a carga da embarcación, o traslado da mesma á factoría de aluminio en San Cibrao (Cervo) e o despedimento do comité de empresa desa fábrica.

5 de decembro de 1987, un cargueiro de bandeira panameña embarranca fronte ás costas de Fisterra, provocando a morte de 23 dos seus 31 tripulantes, todos eles de nacionalidade chinesa.

A ausencia dunha explicación clara do acontecido por parte das autoridades e a falla de transparencia por parte dos responsábeis públicos animan diversas teorías sobre o acontecido. O historiador naval Fernando Patricio Cortizo, autor de diversas publicacións sobre os naufraxios, sinala a Nós Diario que o submarinista Carlos San Claudio, cunha longa experiencia como buzo nas obras de centrais nucleares, “comentoume que nos restos do pecio había diversos compoñentes dun reactor nuclear, entre elas un condensador de vapor e un eixe”. 

San Claudio, que participou do despece do barco en 1989, indicoulle a Patricio que “os primeiros días que baixamos ao barco desfacíasenos o traxe de neopreno e volviamos con bochas na cara”.Patricio considera que “algo raro” aconteceu co Casón. Refírese a que “os 23 tripulantes mortos apareceron co pescozo roto” e lembra que “Pepe de Olegario, un patrón de pesca da Sardiñeira en Fisterra, que coñece como ninguén todos os pecios da Costa da Morte, explicoume que o Casón foi embarrancado na costa, xa que viña coa roda do timón amarrada”. Destaca que “a compañía holandesa Smit International trasladou a Fisterra a súa grúa xigante, para retirar pezas do reactor nuclear”.

A presenza dun reactor nuclear e de material radioactivo entre a carga do buque é confirmado por diversas fontes. Outro protagonista daqueles días, o alcalde de Corcubión, Rafael Mouzo, revela a Nós Diario que “a enxeñaría Siemens recoñeceu ter cargado no Casón un reactor nuclear no porto de Rotterdam”.

Na mesma liña, Antón Casal 'Roque', un dos membros do comité de empresa de Aluminio despedido do seu posto de traballo, lembra que "no sumario da causa xudicial aberta contra o comité recoñécese a presenza do reactor nuclear no buque”. Esta carga levou investigadores  como Rafael Lema a responsabilizar do acontecido algún servizo secreto, nomeadamente o Mossad.

Mouzo destaca que “Xavier Pastor, naquela altura presidente de Greenpeace, confirmoume a presenza de residuos nucleares no buque” e considera que “fica moito por aclarar”. Neste sentido, pon o foco nas razóns que levaron as autoridades "a non acometer o rescate do barco entre o día 5 e o 10, cando non había problema ningún no mar” e non dubida en definir a embarcación como “un hipermercado que levaba carga de todo tipo”, como os 5.000 bidóns de produtos químicos inflamábeis e tóxicos, que comezaron a arder na tarde do 10, diante da mirada da poboación que seguía o suceso pola TVG.

A noite do 10 de decembro e a mañá do día seguinte evacuouse a veciñanza de Fisterra, Corcubión e Cee, unha vez que o delegado do Goberno do Estado na Galiza, Domingo García Sabell, anunciara nos medios públicos que a zona se enfrontaba a unha nube tóxica, nova que desmentía ás poucas horas. Porén, como lembra Mouzo, “esta decisión viña precedida das declaracións dun catedrático da Facultade de Química, que sinalaba na prensa que “na Costa da Morte hai unha auténtica bomba nuclear”. Un ano máis tarde, outro profesor da USC, Francisco Bermejo, escribía nas páxinas de El Correo Gallego que “a nube tóxica do Casón levouna o mar, se non teríamos serios problemas”.

As autoridades trasladaron arredor de 225 bidóns que se amoreaban no porto de Bréns, en Cee, ao antigo cuartel militar de Parga, en Guitiriz, rematando finalmente na factoría de Aluminio de San Cibrao. Antón Casal lembra a Nós Diario que “os bidóns chegaron a San Cibrao o 12 de decembro, cando só estaban na factoría os traballadores de quendas, sendo o director da factoría, José Luis Moñita, quen nega a entrada dos bidóns, firmando que “eu estou pola viabilidade da fábrica e non quero que entren os bidóns”.

Casal, naquela altura voceiro da Intersindical Nacional de Traballadores Galegos (INTG), precedente da actual CIG, apunta que “foi a dirección da empresa quen acordou apagar as cubas de electrólise, un dos argumentos empregados para xustificar o despido de todos os membros do comité”.