Internamento en réxime pechado por un máximo de 6 meses para o menor que agrediu Rajoy

(Imaxe: Pontevedra Viva)

Está xa nun centro de menores de Ourense. A medida é cautelar, polo que súa estancia podería ser máis curta ou ben prorrogarse de así o determinar o xulgado de menores de Pontevedra.

O menor que agrediu Mariano Rajoy en Pontevedra pasou a súa primeira noite no centro de menores de Montedelo (Ourense) tras acordar a xuíza o seu internamento en réxime pechado como suposto autor dun delito de atentado á autoridade. A duración desta medida cautelar sería de seis meses, mais podería ser menos ou ben prorrogarse se así o decide o propio Xulgado de menores.

O mozo, de 17 anos de idade e con parentesco coa familia da muller do presidente do goberno español, estaría arrepentido do feito, segundo indican as axencias, após uns primeiros momentos nos que non amosou arrepentimento algún.

O internamento até por seis meses en réxime pechado é a medida máis dura que polo delito que se lle acusa se pode aplicar a un menor de idade. O propio fiscal xefe de Pontevedra recoñeceu que a condena “coincide exactamente” co que eles solicitaran. A defensa do menor considera que un réxime pechado é "moi duro".