Tecnoloxía

Unha enxeñeira galega lidera un proxecto de intelixencia artificial para identificar condutas suicidas nas redes sociais

O proxecto STOP busca previr as condutas suicidas na rede. (Foto: Nós Diario)
Ana Freire lidera o proxecto STOP, que analiza as redes sociais na procura de patróns asociados a diversas enfermidades mentais, prestando especial atención ao suicidio.

Os algoritmos poden salvar vidas. Se ben as redes sociais son sinaladas frecuentemente como responsábeis dun importante aumento de casos de acoso, ansiedade ou depresión, especialmente entre a poboación máis nova, tamén dan importantes pistas para localizar estes casos e intervir antes de que vaian a máis. E a enxeñeira informática Ana Freire Veiga, natural de Rábade (comarca de Lugo), está á procura deses indicios, moitas veces comúns.

Freire, titular e vicedecana de Impacto Social e Innovación Académica da UPF Barcelona School of Management, é a coordinadora do proxecto STOP (Suicide prevenTion in social Platforms), que analiza as redes sociais na procura de patróns asociados a diversas enfermidades mentais, prestando especial atención ao suicidio. Esta ambiciosa iniciativa involucra tamén diversos organismos cataláns, xunto á Universidade de Lyon e á Universidade da Suíza Italiana.

As persoas expertas estudan a expresión en redes sociais da depresión, as tendencias suicidas e os trastornos de conduta alimentaria. "Mediante a análise do texto, imaxe e actividade, observamos factores que habitualmente o persoal especializado pregunta directamente aos seus pacientes: se teñen apoio social, a súa calidade do soño, posíbeis factores de risco...", explica Ana Freire.

Estas características permiten a entrada de algoritmos de Intelixencia Artifical que se "adestran" para extraer patróns comúns en usuarios e usuarias consideradas de alto risco. Esta información foi a base para lanzar campañas en Instagram e Facebook dirixidas a colectivos específicos, grazas ás que se conseguiu "aumentar en 60 % o número de chamadas provenientes de redes sociais ao Teléfono de Prevención do Suicidio".

"Este é un claro exemplo de que a Intelixencia Artificial, utilizada de forma responsábel, pode repercutir moi positivamente na sociedade", afirma a investigadora, que lembra que o notábel incremento da demanda de atención en saúde mental fixo que o acceso e a calidade destes servizos empeorase, mais a era da dixitalización conta con "novas vías para estudar as enfermidades mentais", adaptadas ás novas formas de comunicación.

O proxecto STOP permitiulle a Ana Freire "aprender características diferenciais entre os grupos de alto risco e libre de risco para cada un dos casos estudados —depresión, suicidio e trastornos da conduta alimentaria—". "Algunhas destas características son demográficas —rango de idade e sexo máis común en usuarios de alto risco— e outras relacionadas coas preferencias dos usuarios —por exemplo, aqueles con trastornos da conduta alimentaria adoitan amosar interese por dietas estritas de adelgazamento, dietas veganas ou exercicios intensos para alcanzar unha rápida perda de peso—", engade.

Freire e mais o seu proxecto protagonizarán esta quinta feira, ás 19 horas, un novo relatorio do 'Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos', promovido pola Real Academia Galega de Ciencias e a Deputación de Pontevedra, e que poderá seguirse en liña. A inscrición para participar de forma gratuíta nesta e noutras conferencias do ciclo debe realizarse a través da páxina web da Deputación de Pontevedra.