La Insurgencia, condenada a seis meses de prisión por un 'rap'

O Supremo di que as súas letras "enxalzan o Grapo" (Foto: La Insurgencia).
A Xustiza acúsaos de "xustificar a violencia e mostrar simpatía fronte á eliminación física do disidente".

A Sala do Penal do Tribunal Supremo vén de confirmar a sentenza da Sala de Apelación da Audiencia Nacional que condenou en setembro de 2018 a seis meses de prisión a doce membros do grupo de rap La Insurgencia -no que están integrados seis galegos- polo delito de enaltecemento do terrorismo "por enxalzar nas letras das súas cancións aos Grupos de Resistencia Antifascista Primero de Octubre (Grapo) e aos seus integrantes.

Nunha sentenza dada a coñecer durante a xornada de onte, o alto tribunal desestima os recursos dos condeados ao considerar que os feitos probados pola Audiencia Nacional "axústanse aos requisitos" do delito do artigo 578 do Código penal, que esixe unha actuación do suxeito que supoña "xustificar delitos de terrorismo ou enaltecer aos que participasen neles".

Un dos cinco maxistrados que asinan a resolución, Andrés Palomo, emitiu un voto particular discrepante ao considerar que non quedou xustificado "que se producise unha efectiva incitación á comisión de actos terroristas, aínda que fora de maneira indirecta".

A sentenza considera que neste caso o contido das expresións nas letras das cancións non son "unha mera expresión de coincidencia ou discrepancia con obxectivos políticos, ou  camaradería nacida de vínculos ideolóxicos, simpatía ou da mera crítica social", senón que "se trata dunha difusión de mensaxes que xustifican a violencia e expresan simpatía fronte á eliminación física do disidente, incitando á violencia mediante o recordo de persoas relacionadas con actividades terroristas e enxalzando condutas que causaron grave dano ao país e a moitas vítimas do terrorismo".

"Non se prohibe o eloxio ou a defensa de ideas"

O alto tribunal considera que os feitos probados pola Audiencia Nacional non supoñen unha crítica, nin unha opinión, nin un uso democrático das redes sociais. "Trátase dun enaltecemento de condutas violentas e buscar reforzar o ideario de quen levou a cabo actos terroristas polo seu ensalzamento", reiteran os maxistrados.

Para o Supremo, a pesar desta condena "non está prohibido o eloxio ou a defensa de ideas ou doutrinas por máis que estas se afasten ou mesmo poñan en cuestión o marco constitucional, nin tampouco a expresión de opinións subxectivas sobre acontecementos históricos ou de actualidade".

"As cancións son a escusa para imputarnos"

Hai pouco máis de tres anos, Saúl Jorge, un vigués integrante do colectivo La Insurgencia, explicaba para Nós Diario a súa versión dos feitos.

Este universitario, estudante en Ourense, sinalaba que "as letras das cancións son a escusa para imputarnos, o que lles molesta de verdade é a mensaxe que denunciamos, solidaria, de cousas que desenmascaran ou que poñen en cuestión que este Estado sexa democrático. O delito de enaltecemento é un delito de opinión e serve para controlar a disidencia política agora mesmo. Que terrorismo podes enaltecer cando non existe no Estado español?”.

Ademais, revelaba que a xuíza de instrución do caso tentara o sobresemento da causa, "pois consideraba que non cometeramos ningún delito, pero a sala do Penal dixo que si", o que para Saúl Jorge era indicativo de que acusacións como as súas "non o entenden ás veces nin eles".