"O que lles molesta é a mensaxe que denunciamos"

Saúl Jorge, rapeiro vigués: "As cancións son a escusa para imputarnos"

Entrevistamos o rapeiro vigués Saúl Jorge López, acusado de enaltecemento do terrorismo e humillación ás vítimas por facer cancións reivindicativas xunto ao resto de integrantes do colectivo La Insurgencia. En próximas datas serán xulgados na Audiencia Nacional, onde afrontan unha petición de dous anos e un día de prisión e unha multa de 4.800 euros. Nun primeiro momento estiveron acusados de asociación ilícita cando moitos deles non se coñecían en persoa.

Tres policías de paisano esperaban o 8 de novembro de 2016 que Saúl Jorge López saíra da súa casa en Ourense. Tras identificalo e solicitar o seu teléfono móbil, este universitario vigués de 20 anos recibiu unha citación para que, días despois, se presentara en calidade de investigado na Audiencia Nacional. Ese mesmo día soubo que o resto dos integrantes do colectivo de rap La Insurgencia, a metade deles galegos, tiveran unha visita similar. Foron acusados de enaltecemento do terrorismo e humillación ás vítimas, incitación o odio contra as institucións do Estado e asociación ilícita por publicar as súas cancións nunha canle de Youtube. 

Moitos non se coñecían até ese momento en persoa, alén das redes sociais. “Os primeiros días estaba máis desconcertado. Agora que chegou a carta da Fiscalía, onde mantén a acusación de enaltecemento, estamos a preparar a defensa, temos un avogado común e imos todos a unha. Sabendo que non temos que arrepentirnos de nada e que non cometemos ningún delito”, explica o vigués.

“Poñen, por exemplo, que no minuto dous da canción 'non sei que' dis esta frase, na seguinte esta. E xa non soamente frases, tamén supostas probas que estaban nos nosos móbiles, conversas, que se fotos cunha bandeira republicana ou unha estreleira, como dicindo, estes rapaces ademais teñen determinadas simpatías políticas”. 

Saúl Jorge López afronta, igual que a decena de acusados, unha petición de dous anos e un día de prisión e unha multa de 4.800 euros por expresións como “Deixando o listón ben alto como o coche de Carrero Blanco” ou “Isto non é o franquismo pero moito se lle asemella, os mesmos propietarios e os mesmos entre reixas”.

O fondo das letras como motivo
 

“O problema non é que ofenda ou non unha canción, nós non obrigamos a ninguén a escoitarnos. Se te ofende, non nos escoites. É liberdade de expresión”, defende. “As letras das cancións son a escusa para imputarnos, o que lles molesta de verdade é a mensaxe que denunciamos, solidaria, de cousas que desenmascaran ou que poñen en cuestión que este Estado sexa democrático. O delito de enaltecemento é un delito de opinión e serve para controlar á disidencia política agora mesmo. Que terrorismo podes enaltecer cando non existe no Estado español?”.

"O delito de enaltecemento é un delito de opinión e serve para controlar á disidencia política agora mesmo. Que terrorismo podes enaltecer cando non existe no Estado español?”

Nos últimos meses, os casos de persoas denunciadas e condenadas por suposto enaltecemento do terrorismo van en aumento. De feito, en 2015 acadouse o máximo de sentenzas desde que se tipificou o delito no ano 2000. Entre outros, rapeiros como Pablo Hasél ou Valtonyk, recentemente condenado polo mesmo tribunal. “Moita xente me di que hai grupos de punk e de ska que din frases máis brutas e non van á Audiencia Nacional. Pero o problema é o fondo”, asegura. 

“A nós non nos coñece ninguén, non o fan por iso. Eu creo que a represión do Estado funciona coma unha maquinaria: a Policía filtra e atopa algo, o manda á Audiencia Nacional, fan un copia e pega da declaración policial e de aí sae a acusación fiscal. E así están que non o entenden ás veces nin eles. A xuíza de instrución do caso tentou o sobresemento da causa. Ela consideraba que non cometeramos ningún delito pero a sala do Penal dixo que si”.

[Vídeo de Galiza Contrainfo]

"O delito nos está a buscar a nós"
 

Saúl Jorge López é veciño do barrio vigués de Coia e membro da Asemblea Veciñal. Tras coñecerse a súa imputación, o colectivo comezou unha campaña pública para “amosar toda a nosa solidariedade con Saúl, e coas demais persoas que afrontan procesos similares, xa que nos parece absolutamente desproporcionada a intención de castigar a loita social, en calquera das súas manifestacións con altas penas de prisión”. Unha acción que se une ás lanzadas con éxito nos meses anteriores para impedir a condena de Rubén González, acusado tamén de enaltecemento neste caso por escribir mensaxes en Twitter, ou de Diego Lores, acusado de agredir un axente municipal.

Este mes de maio está previsto que reciban a citación coa data do xuízo, que se celebrará, segundo calculan, entre xullo e setembro deste ano. Un proceso que uniu máis o grupo de rap La Insurgencia. “Foi un arma de dobre fío. Por un lado levamos un pau pero, por outro, tecemos amizades. Isto nos obrigou a coñecernos máis, eramos un colectivo case virtual”.

“Non van poder evitar que nos barrios obreiros do Estado español xurdan rapeiros, músicos, artistas que denuncien a realidade. Iso non o poden evitar. O que está na rúa non o poden silenciar. E xa que eles poñen os focos nas nosas cancións, debemos cambiar o foco: o problema non son as cancións senón o que denunciamos nesas cancións: a miseria, a precariedade, o problema das drogas... O que facemos coa nosa música é chamar a que o xente se organice. E do que teñen medo é diso. Non é que nós sexamos delincuentes ou radicais, é que o delito nos está a buscar a nós. Como se o delito fose ser como somos, pensar como pensamos, vivir como vivimos”.