Insultar a través de mensaxes pode ter sanción

A Audiencia de Pontevedra condena un pai por inxurias ás súas fillas a través de mensaxes. (Foto: Nós Diario)

A Audiencia de Pontevedra condena a un pai por inxurias ás súas fillas, a través de mensaxes, ao non collerlle o teléfono

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, na súa sede en Vigo, confirmou a condena a un pai por inxurias ás súas dúas fillas, menores de idade, a través dun servizo de mensaxería instantánea cando estas non lle collían o teléfono.

Segundo a sentenza, os feitos sucederon en febreiro de 2022 cando unha das fillas non contestaba nin as mensaxes nin as chamadas do seu proxenitor, que lle enviou mensaxes coas expresións de "porca" e acto seguido "garda", "querendo dicir porca". Así mesmo, o condenado enviou á súa outra filla as mensaxes de "estouche chamando, a ti que che pasa es idiota".

Estes feitos foron xulgados no Xulgado de Instrución número 7 de Vigo, que o condenou a cinco días de traballos en beneficio da comunidade ou de cinco días de localización permanente, e contra a resolución o proxenitor presentou recurso de apelación.

No recurso, o pai alegou a imparcialidade da xuíza, xa que participou noutro procedemento por un suposto delito de falta de pagamento de pensións e malos tratos no ámbito familiar, o dereito á presunción de inocencia e a un erro na valoración da proba.

Con todo, a maxistrada da Audiencia de Pontevedra desestimou a apelación e afirmou que "non se pode considerar" que a valoración da proba fose de forma "arbitraria, insuficiente ou irracional".