25-N

Institucións e centros de ensino urxen combater o terrorismo machista

Acto performativo polo 25-N de estudantes do IES de Chapela, Redondela (comarca de Vigo), esta sexta feira. (Foto: IES de Chapela)
Concellos, Deputacións e Universidades uniron forzas polo 25-N.

Concellos, Delegacións, Deputacións e Universidades da Galiza e centros de ensino adiantaron esta sexta feira distintas declaracións institucionais con motivo do Día Internacional contra a Violencia Machista que se conmemora este sábado.

Na capital da Galiza, o Consistorio sumouse un ano máis á conmemoración do 25-N cunha lectura por parte da alcaldesa, Goretti Sanmartín, e doutros integrantes da Corporación dunha declaración institucional na que condenaron "todas as formas de violencia machista" e na que se comprometeron a traballar "na súa eliminación de todos os espazos do Concello" con medidas concretas coordinadas con outras institucións.

En Vigo, o alcalde, Abel Caballero, puxo en valor o programa EnlazaVigo contra a violencia de xénero para concienciar estudantes sobre as súas consecuencias. Un plan co que se formaron "máis de 25.000 mozos", dixo. Na mesma liña, a concelleira de Igualdade de Ourense, Noa Rouco, deu lectura a un manifesto no que enxalzou o papel dos programas educativos que levan a cabo. 

Ás cidades galegas sumáronse esta sexta feira cabeceiras de comarca e vilas que tamén quixeron mostrar a súa repulsa á violencia machista, como é o caso de Ribeira, Gondomar, Tui ou Padrón.

Deputacións e Delegación do Goberno español

As Deputacións provinciais tamén acolleron actos. Na sede da Coruña leuse un texto de maneira simultánea en varios centros educativos, nun acto no que o presidente, Valentín González Formoso, alertou do "negacionismo a esta lacra social", mentres que a deputada de Igualdade, Soledad Agra, asegurou que a fin da violencia machista pasa por "unha política educativa e comunicativa de tolerancia 0 coas actitudes machistas". 

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, mostrou o seu "total apoio" ás organizacións que loitan contra a violencia machista. A deputada Marisol Morandeira leu un comunicado co que a Corporación mostrou o seu rexeitamento unánime á violencia contra as mulleres. 

Mentres, a de Pontevedra conmemorou o día cunha actuación musical a cargo da pianista Andrea González e coa lectura dun manifesto por parte da axente da Garda Civil, Irene García. Pola súa parte, no acto da Deputación de Ourense interviron o presidente, Luís Menor, e a deputada Teresa Barge

A Delegación do Goberno español na Galiza colocou 52 cadeiras fronte á súa sede, na Coruña, en recordo das mulleres asasinadas no Estado este ano. Fíxoo con chamamentos a non consentir o "terrorismo machista" e expondo a necesidade de seguir loitando contra a violencia de xénero, nun acto no que participaron a alcaldesa da Coruña, Inés Rei, e a subdelegada María Ribas

Tamén institutos e universidades sumáronse á conmemoración: a USC e a Uvigo emitiron cadanseu comunicado , mentres que en IES do país decorreron diversos actos conmemorativos.

Sen acordo no Parlamento

Non así o Parlamento da Galiza, que a pasada cuarta feira non aprobou a declaración pola negativa do PP a incluír as propostas do BNG, que contaban co consenso do PSdeG e que incluían rexeitar os pactos con partidos que negan a violencia machista, como é o caso de Vox.