Instan Feixoo a que adquira para Galiza medicamentos cubanos contra o COVID-19

interferon

O Interferón Alfa2B Humano Recombinante é utilizado na China e está a ser demandado por países como Italia, Francia ou Xamaica, entre outros.

Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil solicita ao presidente da Xunta a través dunha carta a súa intervención para que recomende á dirección do Sergas a “compra e administración discrecional” do medicamento Interferón Alfa2B Humano Recombinante, creado en Cuba nos primeiros 80 a partir dunha concepción biomédica orixinal e experimentado con resultados sobresaíntes en todo o mundo.

O grupo Biocubafarma, que produce o interferón alfa 2B e outros 22 medicamentos para o tratamento da COVID-19, informou esta semana que Cuba conta con produción suficiente para fornecer a poboación da illa.

É un medicamento que está a ser empregado na China no combate contra a pandemia, e que están a demandar diferentes estados para facer fronte ao COVID-19. A Francisco Villamil cita Italia, Francia, Xamaica ou Panamá, entre outros.

“A capacidade deste fármaco para aumentar as defensas naturais foi probada nas catástrofes de Nepal, Haití, Irán, Ecuador (no sismo de Manta) e México. (...). En Wuhan, China, foi específico e clave para recuperar infectados polo Covid-19 e insustituíbel na protección efectiva do persoal médico”, manifesta.

Para a Francisco Villamil, o goberno de Galiza ten “a oportunidade de inaugurar para o Estado e a UE, o beneficio do Interferón Alfa2B Humano Recombinante”, ao tempo que critica o “veto irracional de Estados Unidos “ e o seu bloqueo á illa e aos seus medicamentos.