A Inspección de Traballo sanciona o hospital privado Quirón Salud da Coruña

Vista exterior do Hospital Quirón salud na Coruña (Foto: Nós Diario).
Despois de varios anos intentando negociar o plan de igualdade de oportunidades para mulleres e homes, a representación sindical da CIG no Santa Teresa presentou denuncia na Inspección de Traballo reclamando a actuación do organismo ao carecer a empresa do obrigado plan.

A Inspección de Traballo vén de emitir acta de infracción contra o Instituto Policlínico Santa Teresa (do Grupo Quirón) pola comisión dunha infracción grave ao carecer dun plan de igualdade negociado para o seu persoal.

A sanción económica derivada da infracción no seu grado mínimo pode consistir en 751€ de multa até os 7.500 euros no seu grao máximo, tal e como figura na Lei de Infraccións e Sancións na Orde Social, mais supón “unha importante advertencia para a empresa e reviste un carácter exemplarizante para outras que se atopen na mesma situación”, Indican desde a Confederación Intersindical Galega (CIG).

Despois de varios anos intentando negociar o plan de igualdade de oportunidades para mulleres e homes, a representación sindical da CIG no Santa Teresa presentou denuncia na Inspección de Traballo reclamando a actuación do organismo ao carecer a empresa do obrigado plan.

De igual modo, reclamouse a entrega do rexistro retributivo do seu persoal, instando a negociar o diagnóstico previo de situación, tal e como recolle o  Real Decreto 901/2020, de 13 de outubro, polo que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro.

“O diagnóstico, debería ir acompañado da descrición do sistema de valoración de postos de traballo (tal e como recolle o artigo 28 do ET e o 6 do RD 902/2020, de 13 de outubro), xunto coa elaboración do rexistro retributivo, así como a auditoría retributiva recollida no artigo 8 do RD 902/2020 e o plan de actuación”, sinalan desde a CIG.

Pese a contar cun centro de traballo “feminizado”, no cal desenvolven a súa actividade perto de 400 persoas, e que desde o ano 2011 as empresas con máis de 250 empregados teñen obriga de contar cun plan de igualdade, o “único documento existente é o texto dun protocolo de acoso datado do ano 2014, que nin tan sequera se empregou cando se denunciaron situacións de acoso sexual na empresa”.

"Inacción"

Por todos estes motivos, a representación da CIG presentou denuncia diante da Inspección de Traballo pola “inacción da parte empresarial durante o proceso de negociación, ao caducar o prazo máximo de negociación do plan e incumprir a lexislación ao non dispor tampouco do rexistro retributivo anual”.

Finalmente, a empresa fica sancionada por parte da Inspección de Traballo cunha infracción grave por non cumprir coas obrigas que en materia de plans e medidas de igualdade estabelecen a Lei Orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes e o Estatuto das persoas traballadoras.