Inspección de Traballo recoñece irregularidades da Consellaría na protección da saúde nos centros educativos

Estudantes nunha aula da Mariña (Foto: EP).

A CIG informa que, en resposta ás súas denuncias, Inspección dálle de prazo á administración até o 16 de decembro para achegar toda a documentación que xustifique a corrección das deficiencias.

A Consellaría de Educación acumula desde o inicio do curso diversas deficiencias e incorreccións, desde a perspectiva da protección da saúde do persoal que traballa ao seu cargo nos centros educativos. CIG-Ensino informa así do requirimento remitido pola Inspección de Traballo e da Seguridade Social  (ITSS) á Consellaría. “A resolución da Inspección chega logo de dúas denuncias presentadas pola CIG, centradas no persoal docente e non docente, polo incumprimento da lei de prevención de riscos laborais e a desprotección da saúde de quen traballamos nas escolas e institutos do país”, explica o sindicato maioritario no ensino a través dun comunicado. 

A central sinala como puntos a destacar do informe de nspección, que a “Consellaría non ten capacidade para a vixilancia e protección da saúde do seu persoal. A Inspección de Traballo confirma que a Consellaría de Educación se declarou incapaz de asumir cos seus propios medios a elaboración de avaliacións específicas de exposición á covid-19”.

Tamén sinala que Educación “permitiu que Cualtis, empresa contratada para a realización de plans, se desentendese da elaboración de avaliacións propias e diferentes de cada centro”. 

Para a central, fica demostrado no informe da ITSS que non se fixeron avaliacións específicas nos centros. “Inspección de Traballo desvela que as “avaliacións específicas” que lle foron entregadas por esta empresa teñen un “contido idéntico” agás peculiaridades intrínsecas de cada centro (número de aulas, entradas e saídas…) que non gardan relación coa adopción de medidas a adoptar recollidas no protocolo e na avaliación. É dicir, Cualtis non elaborou ningunha avaliación específica centro a centro”. 

A Inspección de Traballo, prosegue explicando CIG-Ensino, detecta “contradicións no Protocolo da Consellaría e indica que a administración debe dotar de EPIs a todos os centros

“A Consellaría ocúltalle información á Inspección de Traballo”, afirma a central. Malia terlle reiterado a necesidade de xustificar a entrega de máscaras FFP2, a Xunta non aportou ningunha documentación, obviamente porque non existe. Neste sentido a Inspección tamén afirma que existen incongruencias nas avaliacións feitas por CUALTIS, confundindo máscaras hixiénicas (as tan criticadas do “sentidiño” pola baixa calidade) con cirúrxicas, cando son claramente diferentes.

O profesorado que solicita a consideración de vulnerábel, desprezado pola Consellaría. Só de desprezo se pode cualificar a afirmación de que non foi até o 6 de outubro cando, pola incapacidade de dar resposta ás solicitude feitas, se lle encomendou estas valoracións á empresa CUALTIS, cunha contrata limitada a 850 valoracións. No informe da Inspección a Consellaría chega a afirmar que non pode facilitar datos sobre posíbeis adaptacións de postos de traballo para docentes vulnerábeis xa que “ a adaptación corresponde a cada centro”.

En base a estas e outras consideración, indican desde a central  Inspección de Traballo traslada á Consellaría que terá que dar conta dunha serie de requerimentos á propia Inspección.