Covid: O ritmo de contaxio continúa disparado con 519 casos novos

Cribado masivo entre a mocidade en Ourense, esta mesma fin de semana. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Galiza ten na actualidade 4.561 casos activos polo coronavirus, cunha gran incidencia entre a mocidade á que se está a convocar para a realización de cribados masivos. A intención é localizar infectadas para activar o protocolo de corentena e reducir a expansión epidemiolóxica que vai camiño de provocar a quinta onda.

Os últimos datos facilitados pola Dirección Xeral de Saúde Pública falan unha Galiza na que a expansión da pandemia, na antesala dunha quinta onda segundo din as e os expertos, semella imparábel. No país xa hai 4.561 casos activos de coronavirus, mais hai que destacar que o ritmo de contaxio supera con moito ao de curación e na última xornada sumáronse 519 positivos.

Se ben é certo que no balance comunicado este domingo pola Consellaría de Sanidade aparece a curación de 126 persoas máis, até chegar ás 126.642 desde que comezou a crise sanitaria o ano pasado, hai máis infeccións diarias.

A variación nos casos activos foi de 393 casos á alza, pero tendo en conta ás persoas que causaron baixa na listaxe, o certo é que o número de novos positivos detectados en 24 horas -até última hora do sábado- é de 519.

Respecto ao global dos doentes, 920 (49 máis) pertencen á area sanitaria de Vigo; 883 (+62) á da Coruña-Cee e 823 (+97) á de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras. Na demarcación de Pontevedra-O Salnés abeiran eses 800 casos ao contabilizar 786 (outros 45 con respecto á xornada anterior).

A incidencia en Compostela-Barbanza é de 484 (+52) doentes aínda co virus, e en Lugo estímase que son 447 (+33). Pola súa parte, en Ferrol continúan activos 178 casos (+15).

En consecuencia, o maior crecemento está a detectarse na demarcación ourensá, onde nun día se descubriron case un centenar de enfermas e enfermos máis. De feito esta semana o xerente desa área sanitaria, Félix Rubial, destacaba que o ascenso estaba a ser "explosivo". De feito, este sábado a mocidade foi convocada a un gran cribado para intentar detectar infectadas e pór en corentena a esas persoas nun intento de frear o ritmo de expansión da Covid-19 en pleno verán.

O número de probas PCR practicadas desde o comezo da pandemia en marzo de 2020 alcanza 2.415.188. Na campaña de vacinación xa se inocularon máis de 3.055.000 doses.

Atención ás doentes

Segundo a comunicación da Consellaría de Sanidade, na última comprobación ficaban nas Unidades de Coidados Intensivos (UCI) 11 persoas e 56 estaban noutras unidades de hospitalización.

Do total de pacientes positivos, 11 (-1) están en UCI, 56 (+9) en unidades de hospitalización e outras 4.494 galegas e galegos permanecen nas súas casas con seguimento telefónico dos equipos sanitarios.

Ademais, superaron a enfermidade 126.642 cidadás e outras 2.439, a maioría con patoloxías previas, faleceron.