Inician un encerro como protesta polo feche do colexio de Baamonde

Protesta ante o Parlamento (Foto: Nós Diario).
O fechamento "indefinido" decorrerá nas dependencias de Educación do Edificio Administrativo da Xunta da Galiza en Lugo, a partir das 10 horas desta cuarta feira.

A Xunta de persoal docente non universitario da provincia de Lugo inicia nesta cuarta feira, ás 10 horas un fechamento indefinido en contra da decisión da Consellaría de Educación de clausurar o CEIP de Baamonde, no concello de Begonte.

O encerro realizarase na sala de Educación do edificio administrativo da Xunta da Galiza en Lugo. "Consideramos que a existencia dun centro educativo próximo, na contorna rural, alén de ser un servizo público esencial é un elemento dinamizador deste ámbito, xa que contribúe a manter e fixar a poboación, así como facilitar a vida das e dos habitantes da zona axudando ao coñecemento e á integración no seu medio", expuxo, a través dun comunicado, o presidente da Xunta Docente luguesa, Xosé Mariño.

Neste senso, salientou que a desaparición de servizos "de proximidade" como o centro de ensino provoca que se acelere o "desmantelamento" das poboacións rurais.

"Esta decisión conta cunha oposición importante das familias afectadas", lembrou Mariño. En consecuencia, exixiu ao Goberno galego que paralice o fechamento do colexio.

"A xestión dun servizo público esencial como o educativo non se pode levar a cabo con criterios unicamente económicos", sentenciou.

Proposta no Parlamento

O pasado 9 de marzo, unha caravana de vehículos procedente de Baamonde desprazouse até o Parlamento da Galiza para amosar o rexeitamento das familias ao feche do colexio.

No día seguinte debateuse unha proposición non de lei presentada pola bancada socialista e apoiada polo BNG para instar a Xunta a recuar, mais foi rexeitada polo voto maioritario do Partido Popular.