Inician un 'crowdfunding' contra os macroeólicos na cordilleira cantábrica

Parque eólico do Sil en Nogueira de Ramuín (Foto: Iberdrola).
Seis organizacións ambientalistas, entre as que se atopan Adega e a Sociedade Galega de Ornitoloxía, crean o 'Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica' para combater legalmente estes proxectos.

Onte, con motivo do Día da Terra, seis organizacións ecoloxistas da Galiza, O Bierzo, Cantabria e Burgos sumaron forzas para impulsar o proxecto de crowdfunding 'Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica', entre as que se atopan a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) e a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO).

Trátase dun proxecto que tenta frear a "enxurrada de proxectos eólicos a grande escala" proxectados "desde as montañas galegas até o norte burgalés".

A campaña ten por obxectivo recadar un mínimo de 40.500 euros, dos cales o 80% se destinará a emprender "accións xurídicas impulsadas polas entidades promotoras", prestar "apoio legal e técnico a outras entidades" e construír un "portal web libre e gratuíto" para asesorar os colectivos que o precisaren.

Renovábeis, si, mais sostíbeis

As entidades asinantes aclaran que están a prol das enerxías renovábeis, mais non como se están a dar os proxectos actuais, que carecen de "sensibilidade ambiental" e dunha "planificación e ordenación territorial".

Os parques eólicos, apuntan, deben ser "a pequena escala, baseados no autoconsumo ou na proximidade dos grandes polos de uso enerxético".

Centrarán os seus esforzos en "analizar os defectos en proxectos e nas normas sobre as que deben pivotar os mesmos", e instan a excluír aqueles proxectos previstos en áreas "cun alto valor de biodiversidade e paisaxístico".

"Mentres dous piares básicos como o Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima e a Lei de Cambio Climático están aínda por desenvolver, estanse a tramitar ducias de proxectos", alertan.