Inicia a vacinación masiva con caos en Santiago

Aglomeracións no inicio da vacinación masiva en Santiago (Foto: Álvaro Ballesteros)

Caos no inicio da vacinación masiva en Santiago de Compostela.

A Galiza viviu esta terza feira, 6 de abril, o inicio do plan de vacinación masiva da Xunta para este mes, co que o Sergas quere chegar esta mesma semana a 145.000 persoas. Con todo e a pesar de que o dispositivo despregado funcionou con normalidade na maioría de áreas sanitarias, Santiago rexistrou unha afluencia moi por encima da prevista polas autoridades, con fileiras e aglomeracións na Cidade da Cultura.

As vacinacións comezaron sobre as 15.30 horas no recinto do Gaiás, onde estaban citadas unhas 2.880 persoas dentro do grupo de entre 60 e 65 anos de idade. Con todo, o dispositivo previsto inicialmente non foi suficiente para controlar a grande afluencia de persoas que acudiu ao chamamento de vacinación.

"Todo un ano sen ver as netas para non collelo [o virus] e aínda vou acabar colléndoo aquí", manifestaba indignada a unha emisora de radio unha das asistentes á vacinacion na Cidade da Cultura. "Eu marcho para a casa", anunciaba outra. 

Fontes da área sanitaria escúdanse en que moita xente acudiu ao Gaiás ou fóra da súa hora ou mesmo nun día diferente ao da citación, o que levou, din, a que se xerasen longas fileiras sen respectar a distancia de seguridade e aglomeracións de persoas que se apiñaban desde o aparcamento da Cidade da Cultura.

De feito, foi necesario reforzar o control de seguridade por parte de Protección Civil e os efectivos policiais para pedir á cidadanía que mantivese as medidas e que acudise á hora prevista na citación marcada polo Sergas.

Esta cuarta feira continuará o proceso de vacinación na Sala Eisenman con máis de 5.500 persoas citadas pola mañá e pola tarde. O Sergas fixo un chamamento a respectar as horas das citacións.

Neste sentido, dividirase o acceso ao recinto por tramos horarios e aqueles que non poidan acudir á súa hora serán vacinados a partir das 20.30 horas.

Noutros puntos, como a área da Coruña, o proceso desenvolveuse con absoluta normalidade no recinto do Ifeco, onde estaban citadas unhas 3.600 persoas de 60 a 65 anos.

Fontes sanitarias trasladaron que o dispositivo funcionou "segundo o previsto e a bo ritmo", grazas ao traballo de 20 equipos de vacinación. Neste sentido, destacaron que a xente entrou ordenadamente e respectando as medidas de seguridade.

Unha parte importante do proceso desenvólvese no Instituto Feiral de Vigo. O xerente da área Sanitaria, Javier Puente, manifestou estar "satisfeito" coa cantidade de persoas que foron a vacinarse este 6 de abril.

Tal e como remarcou, "este acto de vacinación é importantísimo", pois "é o inicio da vacinación masiva". Precisamente, indicou que o proceso de vacinación trasladouse ao Ifevi para ter un maior espazo tanto para os postos de vacinación -unha vintena- como para os de post-vacinación.

Segundo explicou, ademais hai un espazo clínico de preparación das doses. "É moito máis eficiente facelo así, concentrando nun mesmo punto", subliñou. En canto ao persoal, sinalou que en cada quenda traballan entre 60 e 70 profesionais, entre persoal de apoio, clínico e de vacinación.

Finalmente, puxo en valor que entre esta terza e a cuarta, no Ifevi vacinaranse a unhas 11.500 persoas de entre 60 e 65 anos; e entre a quinta feira e o domingo vacinarase persoas entre 75 e 79 anos. Tras iso, dixo, continuarán coas vacinacións no mesmo punto "até terminar".