Galiza, á cola do Estado coa taxa de vacinación máis baixa

O dispositvo de organización da vacinación das autoridades foi caótico en Compostela, dándose aglomeración e longas fileiras (Foto: Álvaro Ballesteros)

Somos o terceiro territorio con máis ingresos en UCI na última semana.

Galiza administrou 559.141 das 786.365 vacinas recibidas contra o coronavirus, o que supón 71,1% do total, segundo os datos que publica esta terza feira, 6 de abril, o Ministerio de Sanidade -relativos á xornada anterior-.

Este 71,1% é a menor taxa entre comunidades, seguida do 72% de Cantabria. A cifra galega é case cinco puntos inferior á media estatal (75,7%).

Na Galiza puxéronse máis de 18.000 vacinas en 24 horas. Precisamente, esta semana prevese realizar unha vacinación masiva dunhas 145.000 persoas, aínda que esta terza o caos reinou na Cidade da Cultura, en Santiago, con enormes fileiras e aglomeracións de persoas sen poderen manter a distancia de seguridade debido á falta de previsión das autoridades na organización da vacinación na capital galega.

Un total de 176.199 persoas recibiron na Galiza dúas doses que inmunizan contra o virus. Supón 5.000 máis que na xornada anterior.

No Estado español puxéronse máis de 6,1 millóns de doses de 9 millóns recibidas. Hai 2,9 millóns de persoas coa pauta completa.

En canto á vacinación de maiores de 80 anos, na Galiza púxose canda menos unha dose a 198.632 persoas, 84,8% das 234.302 existentes. Esta taxa supón máis de catro puntos respecto á media española.

Con todo, son 92.514 as e os maiores de 80 que teñen a pauta completa, 39,5%, seis puntos por baixo da media española (45,7%).

Galiza, a terceira con máis ingresos en UCI

Nas UCI galegas ingresaron 17 falecidos na última semana, terceiro maior cifra no Estado, por detrás de Madrid (70) e Andalucía (39), segundo datos do Ministerio de Sanidade.

As persoas con Covid-19 hospitalizadas na Galiza na última semana foron 103. Supón o sexto maior dato entre autonomías.

A ocupación de UCI por pacientes Covid-19 é de 3,6% na Galiza (cun total de 28 persoas), mentres as camas ocupadas en xeral en hospitais son de 2,41% (202 persoas).