'Ingrid' deixa perto de 700 incidencias na Galiza, con problemas por neve e xeo
Varias persoas de concellos do interior tiveron dificultades para saír das súas casas pola acumulación de neve, mentres continúan os problemas de circulación en estradas de todo o país.
O paso da borrasca Ingrid pola Galiza elevou xa a 684 o número total de incidencias rexistradas entre 23 e o 24 de xaneiro, segundo os datos facilitados polo 112. Só durante a mañá deste sábado contabilizáronse 89 novos avisos, a maior parte deles relacionados coa presenza de neve, xeo e sabaia nas vías, que están a provocar serias dificultades de mobilidade, especialmente no interior do país.
As situacións máis complicadas déronse en municipios como Viana do Bolo, Montederramo, Calvos de Ramuín ou Bande, onde a veciñanza alertou de de problemas para abandonar as súas vivendas ou desprazarse pola acumulación de neve. Chandrexa de Queixa chegou a quedar incomunicada durante a mañá, segundo confirmou o seu alcalde, aínda que efectivos municipais e voluntariado de Protección Civil traballaron na retirada da neve. O rexedor non descarta que a situación poida repetirse ao longo da tarde se continúa a precipitación.
En Bande, aínda que non se produciu un illamento total, o Concello habilitou un teléfono de contacto para atender incidencias nas aldeas e mobilizou maquinaria quitaneves e brigadas municipais para facilitar a circulación.
🌨️ A borrasca 'Ingrid' segue pintando de branco o país
— Nós Diario (@NosDiario) January 24, 2026
❄️ Agora mesmo neva con forza na Barxa, A Guiñahttps://t.co/UTqWyhGb0O pic.twitter.com/vlKqEnHpa9
Ademais das incidencias vinculadas á neve e ao xeo, o temporal tamén provocou varios accidentes de tráfico sen feridos. Na área de Vigo rexistráronse dúas saídas de vía na AP-9, nos barrios de Teis e Cabral, provocadas por bolsas de auga e episodios de aquaplaning. En Moaña produciuse tamén unha colisión en cadea con catro vehículos implicados, posibelmente causada pola sarabia, sen danos persoais.
Árbores caídas, xeo nas estradas e desprendementos nas fachadas
Segundo o balance global do 112, a maior parte das incidencias estiveron relacionadas coa caída de árbores e ramas nas estradas, seguidas dos problemas de circulación por neve, xeo ou sarabia e das actuacións preventivas para asegurar fachadas, muros ou outros elementos con risco de desprendemento. Tamén se rexistraron incidencias por cables e postes eléctricos, restos de accidentes e derrubamentos puntuais.
☃️ Cae tamén con forza na Fonsagrada https://t.co/UTqWyhGb0O pic.twitter.com/LikdGf18AW
— Nós Diario (@NosDiario) January 24, 2026
Entre os concellos máis afectados figuran Vigo, Pontevedra, Ferrol, Narón, Laza, Ribadavia, Taboada, Quiroga e Folgoso do Courel.
Os servizos de emerxencia insisten en extremar a precaución, evitar desprazamentos innecesarios e seguir as recomendacións oficiais mentres continúen os efectos do temporal, que segue a deixar episodios adversos en boa parte do país.
