O Goberno español comprométese a sacar en maio o Ingreso Mínimo Vital

A renda mínima prevé beneficiar un millón de fogares
Pablo Iglesias, na sesión de control do Goberno da cuarta feira, 15 de abril (Imaxe: Pool)
photo_camera Pablo Iglesias, na sesión de control do Goberno da cuarta feira, 15 de abril (Imaxe: Pool)

O Goberno estatal di manter o seu calendario para ter listo en maio o Ingreso Mínimo Vital (IMV), a pesar de que onte non se realizase a súa presentación pública, anunciada na quinta feira desde a equipa do vicepresidente segundo do Executivo e líder de Unidas Podemos, Pablo Iglesias. 

O que si se afirmou onte desde a Secretaría de Estado de Comunicación é o "compromiso" do Executivo de pór en marcha no mes de maio esa renda mínima e dotala de carácter permanente.

Segundo se avanzara desde a Vicepresidencia de Pablo Iglesias, este tería chegado a un acordo co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, para aprobar esa prestación en maio, e non nos próximos "meses", como sostiña o Executivo até ese momento.
Pola súa banda, o ministro  de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, asegurou onte que aínda faltan ultimar detalles, despois de recoñecer que se decatou polos medios de comunicación de que o equipo de Iglesias anunciara unha rolda de prensa para onte que non se chegou a producir. 

Mais segundo o comunicado da Secretaría de Estado desta quinta feira, as equipas dos dous ministros, Iglesias e Escrivá, "están a traballar para acelerar as tarefas para pór en marcha" o Ingreso Mínimo Vital, o cal xa figuraba recollido no acordo programático de coalición que fecharon Unidas Podemos e PSOE en decembro.

"É un compromiso do Goberno coas familias e con aquelas persoas que teñen serias dificultades para afrontar os seus gastos básicos que o Ingreso Mínimo Vital estea en marcha no mes de maio", afirman desde Moncloa, á vez que engaden que "se estima que pode haber un mínimo dun millón de fogares beneficiarios, dos cales aproximadamente 10% serían familias monoparentais".

Esta prestación leva sendo obxecto dun intenso debate e de friccións no seo do Goberno de coalición desde hai varias semanas, con Unidas Podemos presionando para sacala adiante de forma urxente, aínda que fose cun formato provisional, como un "Ingreso Mínimo Vital Ponte", para paliar os efectos da crise do coronavirus, fronte aos Ministerios económicos encabezados polo Partido Socialista, que terían defendido un desenvolvemento máis pausado desta medida.

Comentarios