Ingresado grave no Hospital Clínico un mozo de 17 anos tras ser acoitelado en Santiago

Rúa Nova de Abaixo, en Compostela. (Foto: Google Maps)

A vítima foi agredida esta pasada madrugada no exterior da discoteca Vanitas de Santiago. O seu presunto agresor vive en Bertamirás e xa está detido.

Un mozo de 17 anos permanece ingresado na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) no Hospital Clínico de Santiago tras ser acoitelado esta madrugada na capital galega diante da discoteca Vanitas, no Ensanche da capital.

Segundo informou o 061, a central recibiu unha alerta por ferida de arma branca ao redor das 05.15 horas na Rúa Nova de Abaixo.

Ao lugar enviouse unha ambulancia asistencial de SVA de Urxencias Sanitarias-061 que trasladou ao mozo ao Hospital Clínico de Santiago.

A vítima, residente en Compostela, recibiu unha puñalada de 3 centímetros de profundidade que obrigou a unha urxente intervención cirúrxica coa extirpación o bazo.

Tras contar con varias testemuñas, a policía procedeu a deter un mozo de 23 anos residente en Bertamiráns como presunto agresor do menor.

Segundo incidente grave

Co desta madrugada xa son dous os incidentes graves destas mesmas características que se produciron en Compostela en poucos días.

A pasada cuarta feira tamén tivo lugar outra agresión con arma branca na rúa Santiago de Chile

Denuncia dunha presunta agresión homófoba

Non son os únicos incidentes na zona onde está situada a discoteca Vanitas. O pasado mes de novembro, un mozo denunciara ante a Policía Nacional de Santiago unha presunta agresión homófoba por parte do persoal de seguridade desa estabelecemento situado no Ensanche de Santiago de Compostela.

Segundo relatou nas redes sociais o estudante presuntamente agredido, atopábase de festa cuns amigos cando un empregado de seguridade chamoulle a atención ao velo bailar con outro home dicíndolle que "non podía facer iso".

Deste modo, o estudante dirixiuse ao xefe de seguridade ao que lle pediu "que movesen ao empregado de lugar ". Ademais, relatou que o encargado da seguridade "riu sarcásticamente e dixo que non podía facer nada".

Así, ao saír, díxolle ao membro de seguridade "oxalá te despidan por homófobo". O mozo relatou que o interpelado "agarrouno por detrás, sacouno á forza pola porta traseira e apoiouno contra a parede poñendo a súa mans no pescozo con afán de asfixialo".