Un informe de lingüística forense sinala que o ex mozo de Déborah Fernández "faltou á verdade" no xuízo

Entrada ao xulgado de Tui do único investigado pola morte de Déborah Fernández. (Foto: Europa Press)
"Nós non podemos dicir rotundamente se unha persoa está a mentir, pero si detectar eses trazos indicativos que apuntan que podería estar a faltar á verdade", matizou a experta.

A familia de Déborah Fernández Cervera presentou ante o xulgado de instrución 2 de Tui un informe pericial elaborado por unha experta lingüista forense, que apunta que o ex mozo da rapaza asasinada e único investigado en relación á súa desaparición e morte puido "faltar á verdade" na súa declaración ante a xuíza.

Segundo explicou esta experta a Europa Press, para elaborar este tipo de informes analízanse diversos parámetros e aspectos da linguaxe e a produción verbal.

Por exemplo, avalíanse o tipo de palabras empregadas, como se pronuncian, como se estruturan as frases, se hai interferencias doutras linguas, as respostas a preguntas...

No caso da declaración do investigado, estudou o tipo de preguntas e respostas, para analizar se aparecen "certos patróns" que, tal e como se reflectiu en estudos científicos previos, denotan que unha persoa está "a faltar á verdade".

"Nós non podemos dicir rotundamente se unha persoa está a mentir, pero si detectar eses trazos indicativos que apuntan que podería estar a faltar á verdade", matizou.

Detalles da declaración

A forense lingüista sinalou que a súa análise pon de manifesto a presenza deses trazos (repeticións,  evasivas, uso de palabras absolutas como "nunca", "xamais" ou "ninguén"), que indicarían un "intento de ocultar a verdade".

Eses sinais foron detectados en aspectos concretos da súa declaración, como aqueles referidos á finalización da súa relación de parella coa vítima; na súa explicación de por que chegou tarde a un partido de fútbol o día que a moza desapareceu; ou cando foi preguntado directamente se lle fixo dano a Déborah ou se a matou.

Segundo explicou a experta, o investigado ten "comportamentos lingüísticos diferentes" nas súas respostas, en función do tipo de preguntas e, en cuestións que puideron suscitar máis controversia, deslízase unha "linguaxe fraudulenta".