Exclusiva | Crise dos pellets

Cando soubo a Xunta da chegada dos pellets? 'Nós Diario' desvela a documentación oficial que desmente a versión de Rueda

Un dos sacos con pellets atopados en Ribeira. (Foto: Elena Fernández / Europa Press).
'Nós Diario' tivo acceso á documentación da Xunta que certifica que a propia Administración galega soubo da presenza de pellets en praias da Galiza o día 13 de decembro de 2023. O Goberno galego mantiña na súa primeira versión que non tivera coñecemento da chegada dos pellets até xaneiro, algo que acabaron por recoñecer como falso.

“O día 13 deste mes [decembro], ás 12.21 horas recibín unha chamada do Axente territorial do Distrito IV na que se me informaba de que había un aviso da presenza duns sacos sobre a area da praia de Balieiros [concello de Ribeira]”. Así comeza o informe ao que tivo aceso Nós Diario, do funcionario que notificou á Xunta da Galiza a existencia de sacos de pellets nesa praia.

O funcionario entregou o informe o día 19 de decembro e nel indica que ao “chegar a esa praia, na súa parte sur, comprobei que había esparexidos sobre a area varios sacos de cor branca co texto BEDEKO EUROPE CODE: UV 9000 STABILIZATOR UV/UV STABILIZER impreso sobre eles. A maiores dos sacos había unhas pequenas partículas de material plástico, de cor semitransparente, con forma redonda ovoide co extremo máis fino acabado en pico, que cubrían boa parte da area, nas zonas onde chegaban as ondas. Ao palpar os sacos notábase que contiñan estas partículas”.

Na parte central da praia de Balieiros a situación era semellante, acrecenta no documento, e na parte situada máis ao norte os sacos “tamén aparecían na zona de rochas, entre as cales tamén se vían as partículas plásticas dispersadas, así como pequenas ‘galletas’ de chapapote e unha capa de cor agrisada e pastosa, tal vez orixinada polo bater das ondas co chapapote ou coas partículas plásticas contra as rochas”.

Máis verteduras

O funcionario engade que se desprazou até a praia de Espiñeirido, onde comprobou a presenza das mesmas verteduras. Con todo, asegura que na parte norte, no concello de Porto do Son a intensidade do vertido era menor. “Na praia das Furnas (Porto do Son) tamén se observaron estas verteduras”, acrecenta.

A limpeza

Nos concellos afectados como Ribeira, o Goberno municipal chegou ao longo destes días a un acordo coa aseguradora do Toconao -o buque que o pasado 8 de decembro perdeu un contedor de pellets cando navegaba fronte á costa de Viana do Castelo (noroeste de Portugal) e que orixinou a marea plástica na costa galega- mediante o cal esta empresa asume a limpeza das praias, contratando para eses traballos persoal do propio  Concello barbanzán. Arredor de 50 efectivos é o número que vai integrar este operativo.

Este municipio súmase así a Muros (na comarca homónima), o primeiro concello que logrou que a aseguradora correse co operativo de limpeza nas súas praias e areais. O dispositivo, que comezou a efectivizarse en Muros o pasado 9 de xaneiro , arrancou con 18 traballadores para, poucos días despois, ampliarse a 50.

Así pois, os dous concellos galegos que lograron un acordo coa aseguradora mobilizan un total de 100 efectivos contratados para combater a marea de bólas plásticas nos seus territorios. O dispositivo da Xunta para toda a Galiza, porén, consta de 469 efectivos -deles, medio cento son persoal formador-.