“O informe do Ministerio favorece a vontade da Xunta de entregarlle a Abanca un agasallo en forma de universidade privada”

Concnetración contra o proxecto de universidade privada (Foto: Arxina)

A Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública incide en que unha universidade privada “entra a romper un Sistema Universitario Galego (SUG) totalmente público”.

A Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública emitiu un comunicado para facer público o seu rexeitamento á decisión do Ministerio de Universidades “de informar favorabelmente a creación da primeira universidade privada galega”. O informe do Ministerio, afirma, “favorece a vontade da Xunta de entregarlle a Abanca un novo agasallo en forma de universidade privada que entra a romper un Sistema Universitario Galego (SUG) totalmente público”.

“A decisión do Ministerio dirixido por Castells implicou o ditame favorábel da Conferencia Xeral de Política Universitaria, reunido na tarde do día 25; un ditame que ten carácter preceptivo antes de que o Parlamento Galego continúe coa tramitación da Lei que daría lugar, coa maioría absoluta do Partido Popular, á autorización definitiva desta nova universidade privada”.

As organizacións sindicais, profesionais e estudantís que fan parte da Plataforma Galega reiteran o rexeitamento e crítica “ao proceso iniciado polo goberno Feixoo, en contra das tres universidade públicas que conxuntamente se pronunciaron na defensa do carácter público dos estudos superiores”.

Sostén a Plataforma na visión desta iniciativa privada da educación, “e especialmente nos estudos superiores”, coma “un nicho de mercado, un negocio, para as empresas que nas últimas décadas se foron instalando por todo o Estado, aproveitando as limitacións e os recortes nas universidades públicas impostos por diferentes gobernos”.

Sosteñen desde a Plataforma que “a ampla oferta académica do SUG, cunha importante especialización nos diferentes campus, responde perfectamente a demanda existente e onde non chega é simplemente polas limitacións fixadas pola Xunta”.

A día de hoxe, apontan, xa existe colaboración do tecido empresarial galego con proxectos de investigación das universidade públicas. “A irrupción dunha universidade privada é un paso que pode romper moitas destas iniciativas. A proposta presentada por Abanca, centrada  nunha oferta de titulacións en ámbitos como o xurídico-social ou de enxeñaría-arquitectura, teñen xa unha cumprida oferta no campus públicos do país”.