“Importantes efectos negativos": informe de Agricultura contra a mina de seixo de Mesía

A mina de seixo de Mesía non convence á Consellería de Medio Rural. Isto é o que se desprende do informe dado a coñecer por Adega e elaborado, sinalan, pola Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias. Un contundente informe no que se conclúe: “Rexeitamos o proxecto con rotundidade, e recomendamos que non se permita a realización dos traballos referidos."

 

Neste informe preceptivo recóllese, segundo o comunicado remitido pola Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza:  "...esta Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias non pode por máis que pronunciarse en contra do proxecto sinalado, ao considerar que os importantes efectos negativos que se causarían sobre a produción agrogandeira da zona, afectarían grandemente aos concellos de Mesía e Frades, por ser esta un piar fundamental da súa actividade económica, social e cultural, manténdose a dita afectación negativa no tempò tralo remate das actuacións.

Diante deste “demoledor informe”, Adega demanda da Dirección Xeral de Enerxía e Minas que denegue o proxecto de explotación de seixo de Erimsa para a concesión "Xanceda 7138" e similares, nos concellos de Mesía e Frades..
 

A mina de seixo afectaría a 761 hectáreas nos conxcellos de Mesía e Frades. Todas as parcelas agrícolas afectadas pola pretendida explotación teñen a consideración de "zonas de especial interese agraro", e moitas delas ademais están en ecolóxico (110 hectáreas). O Craega (Consello regulador da agricultura ecolóxica de Galiza) xa advertira que o aproveitamento mineiro é incompatíbel cos estándares ecolóxicos, sendo causa da perda automática do selo ecolóxico, indica Adega.
 

A administración subliña tamén, como expresou a plataforma veciñal, os  grupos da oposición no concello e ADEGA, que o proxecto de restauración é "pouco concreto" e non da axeitada resposta a cuestións chave como a acidez do solo ou as necesidades de terra vexetal.