Un informe advirte de contaminación por NO2 na contorna inmediata de 18 escolas de Vigo

O CEIP Ramón y Cajal 'Picacho' de Vigo é o que presenta maior contaminación por NO2 no estudo presentado por Ecoloxistas en Acción. (Foto: Jorge)

O tráfico rodado sería o principal emisor destes contaminantes.  

Unha campaña de medición realizada entre os meses de xaneiro e febreiro detectou altos niveis de contaminación por dióxido de nitróxeno (NO2) en perto dunha vintena de centros de ensino da cidade de Vigo. Así reflicte un informe elaborado pola organización ecoloxista Ecoloxistas en Acción.

O colectivo ecoloxista realizou unha análise dos niveis de NO2 na contorna inmediata de 18 centros educativos repartidos pola cidade de Vigo. Para este estudo seleccionaron centros de educación primaria e secundaria situados tanto en vías con gran densidade de tráfico motorizado como en ámbitos afastados de vías de alta capacidade e con pouca exposición aos contaminantes emitidos polos vehículos.

Ecoloxistas en Acción alertou esta quinta feira de que todos os puntos mostreados pasan amplamente a referencia da guía anual da OMS para exposicións de longa duración (10 µg/m3), e 13 dos 18 centros educativos a estudo superaron, igualmente, a guía diaria da OMS para exposicións de curta duración (25 µg/m3).

As peores situacións observáronse, indican os ecoloxistas, nas contornas dos centros educativos do IES Coruxo, IES Santa Irene, CEIP Balaídos, CEIP Afonso Rodríguez Castelao, CEIP Vicente Risco e CEIP Ramón y Cajal. Neste último, o valor superou incluso os 40 µg/m3.

O informe deixa patente que a calidade do aire nos centros educativos da cidade de Vigo “non é axeitada”, prexudicando a saúde da poboación escolar. A organización ecoloxista lembra que a poboación infantil é “especialmente sensíbel” á contaminación atmosférica, debido á súa elevada frecuencia respiratoria, á súa maior exposición no ambiente exterior á inmaturidade dos seus sistemas respiratorio e inmunitario.

Conclusións

O informe publicado esta quinta feira por Ecoloxistas en Acción conclúe, principalmente, que o tráfico motorizado é o principal responsábel da calidade do aire urbano, e en particular da contaminación por NO2.

O colectivo indica que é “fundamental reducir a contaminación atmosférica das cidades, xa que a mesma causa cada ano milleiros de mortes anuais no Estado español”.

Finalmente, o informe conclúe que “resulta necesaria unha substancial mellora da información sobre a calidade do aire” que respira a poboación, “en particular na contorna dos centros educativos e outros centros sensíbeis”.

Protocolo de actuación

As medicións realizáronse coa colocación de dous dosímetros na contorna dos centros escolares e os resultados analíticos foron proporcionados por “un laboratorio público acreditado”, afirma a organización.

O método utilizado para a determinación das concentracións de NO2 foi mediante captadores pasivos de xeometría plana. Esta técnica está estabelecida, segundo Ecoloxistas en Acción, como método indicativo pola Directiva 2008/50/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de maio de 2008, relativa á calidade do aire ambiente a unha atmosfera máis limpa en Europa, “podendo completar as medicións fixas”.